As xornadas sobre economía continuarán o vindeiro sábado

Lídia Senra chama a desenmascarar o discurso do neoliberalismo

Lidia Senra e Xabier Perez Davila, conversando nun momento das xornadas_2007x1238
photo_camera Lídia Senra e Xabier Perez Davila, conversando nun momento das xornadas [Foto: AGE]

A eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórica, Lídia Senra, asegurou no decurso do acto de inauguración das xornadas "Finanzas, enerxía, terra, coidados, datos: Privados? Sociais? A economía no século XXI" que cómpre "desenmascarar o discurso do neoliberalismo", xa que, dixo, "as alternativas económicas ao capitalismo son posíbeis e con elas podemos lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria e que faga fronte ao cambio climático como prioridade".

"É fundamental", manifestou, "debater sobre a necesidade de que os sectores clave da economía estean en mans públicas, en contraposición coa actual tendencia de privatización e control das grandes multinacionais". A eurodeputada incidiu en que "hai que cambiar o modelo, porque nos negamos a facerlle o xogo aos que nos queren facer crer que só existe a verdade que divulga o capitalismo, igual que nos negamos a admitir as prácticas que con total falta de escrúpulos están poñendo os intereses do capital por riba dos dereitos das persoas en calquera ámbito da vida, na sanidade, no ensino, no acceso á alimentación, á enerxía, etc”, sinalou.

Nesa liña, defendeu que "de ningunha maneira o actual modelo económico é compatíbel coa loita contra o cambio climático". "Desde o neoliberalismo", engadiu, "pretenden dicir que si, que é posíbel loitar así, pero nós sostemos que non o é, que hai que cambiar". 

As xornadas, organizadas en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila, están a desenvolverse na Facultade de Filosofía da USC con varios coloquios e terán continuidade o vindeiro sábado cunha serie de coloquios, como o que leva por título, "Os nosos datos son propiedade común?", a cargo do xornalista Ekaitz Cancela, ou o protagonizado polo profesor da Universidade de Glasgow William Paul Cockshott, sobre a planificación para unha economía socialista. 

Comentarios