Delegación do Europarlamento

Ana Miranda e Lidia Senra visitan os presos políticos cataláns en Lledoners

As eurodeputadas galegas integraban unha delegación de parlamentares europeas, da que facía parte, entre outros, a deputada do PS portugués Ana Gomes.

13 eurodep
photo_camera Foto de grupo das 13 europarlamentares


13 parlamentares da Eurocámara —entre elas as galegas Lidia Senra (AGEe) e Ana Miranda (BNG)- estiveron esta sexta feira no centro penitenciario de Lledoners —onde se achan recluídos Oriol Junqueras e Raûl Romeva— para visitar as presas políticas soberanistas catalás. Fixérono para pór de manifesto a anomalía democrática que significa o fechamento en prisión de dirixentes políticos que se limitaron a defender o exercicio dun dereito fundamental, o do voto.

O colectivo —parlamentares bascas, flamengas, irlandesas, catalás...— está integrado na plataforma Diálogo UE-Catalunya, un de cuxos obxectivos é que Bruxelas interveña para resolver o conflito político que existe entre o pobo catalán e o estado español.

En twitter, Raül Romeva —ex conselleiro de Asuntos Exteriores da Generalitat— mostraba a súa ledicia por recibir a visita dos 13 parlamentares "no meu día 200 en prisión"."Eles querían ter vido xa antes, mais o Goberno español non lles permitiu visitarnos canto estabamos en Estremera. Grazas a todos polo seu cálido respaldo. Europa continúa a facer parte da solución".

Está previsto que a delegación de europarlamentares teña tamén un encontro co president da Generalitat, Quim Torra.
 

Comentarios