Lidia Senra advirte a PP e PSOE que "as clases populares nunca nos imos abster de loitar"

Mítin de Anova e Esquerda Unida, mítin de AGE, en Pontevedra. Lidia Senra lanzou a mensaxe de que PP e PSOE están preocupados polo ascenso do que cualificou como "esquerda rupturista".

age

A candidata que representa a Anova na listaxe promovida por IU actuou no mítin como portavoz das "clases populares" e "clases traballadoras" e dirixiu un duro ataque a PP e a PSOE, aos que se referiu como partidos do réxime.

Os movimentos sociais -o 15M, o 22M- son unha referencia constante nos discursos dos oradores quer de Anova quer de Esquerda Unida. "Xa hai tempo que nas rúas e através dos manifestos sociais se vén sinalando a necesidade de o medo mudar de bando", dixo Lidia Senra.

A xuízo da candidata de AGE, o medo xa comeza a deslocarse, das clases populares ás elites, e iso é o que explica por que os partidos sistémicos incentivan a abstención, a non participación, o próximo 25 de maio. Proba de "desesperación e de medo considerábel", afirmou, é que o "Estado español é o único de toda UE cunha xunta eleitoral que impide que o Parlamento europeu faga campaña chamando a votar".

Comentarios