Lidia Senra participou nunha xornada organizada polo seu grupo parlamentario en Compostela na que estivo acompañada por Lupe Ces, David Rodríguez, a activista Haydee Castillo, de Nicaragua, e o sociólogo Ramón Grosfoguel, un habitual nas presentacións de Alternativa Galega de Esquerdas no país.
“Hai un claro avance do autoritarismo”, dixo a parlamentaria galega, que se referiu á decisión do Estado español de “perseguir urnas en Catalunya” como “un golpe á democracia” para tratar de negarlle un dereito, o dereito a decidir, ao pobo catalán. Senra mesmo cualificou como “fascista” a reacción do Goberno español diante da convocatoria do referendo. E lembrou que o día anterior presentara unha pregunta para coñecer a posición da Comisión Europea ao respecto da denuncia da Fiscalía contra 712 alcaldesas e alcaldes de Catalunya.
Neste escenario, Senra chamou á esquerda abrir un período de reflexión para decidir “por onde queremos camiñar, que esquerda queremos e onde queremos colocarnos dentro dela” e reclamou a solidariedade das esquerdas co pobo catalán e cos perseguidos en todo o Estado español polas mostras de apoio a Catalunya.