Senra dá como chave da hexemonía do PP en Galiza que a "esquerda" non transmitiu ben a mensaxe

Lidia Senra (Foto SLG)
photo_camera Lidia Senra (Foto SLG)

“Temos que asumir que dende a esquerda igual non fomos capaces de transmitir a mensaxe”. A cabeza de lista de AGE ao Europarlamento, Lidia Senra, fixo autocrítica nunha entrevista concedida ao diario ‘El País’, na que plantexou como gran reto acabar co bipartidismo. “Se os galegos o deciden, vou ter a ocasión de traballar nesa gran alianza da esquerda europea que quere romper coas políticas neoliberais”, dixo.

A candidata de AGE -independente na lista que encabeza Willy Meyer, mais en representación de Anova- incidiu ao longo da entrevista nunha política de esquerdas como antídoto aos males da Unión Europea.

Senra centrou o seu discurso no desgaste das dúas forzas hexemónicas, PP e PSOE, as que acusa de aprobaren políticas “pensadas únicas e exclusivamente para beneficiar o gran capital, as grandes corporacións transnacionais”.

Senra centrou o seu discurso no desgaste das dúas forzas hexemónicas

A candidata de AGE -que trufa o seu discurso de constantes apelacións á esquerda, non así ao nacionalismo- fixo un chamamento contra a abstención para rachar co actual modelo europeo. “Aos dous grandes partidos non lles interesa combatila porque é a súa garantía para seguir no poder”, asegurou, posto que defenden a mesma política económica, “a ideoloxía neoliberal”.

Considera que o salto á primeira liña política, nun partido do que non milita, é un paso máis na súa vida de loita. “Se me elixen, ao cabo de cinco anos volverei a miña horta. Non sei o tempo que terei libre durante a batalla europea, mais o que sexa pasareino sachando para non deixar de ter os pés na terra”, aclarou.

Comentarios