En contra do partido instrumental de Beiras

A líder de Podemos Galiza sitúa na coaligazón o tope da confluencia con Anova e as mareas

Presionada por todos os flancos, cun exército de críticos a prol de ir en solitario ás eleccións galegas, Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos Galicia, opta polo carril central e propón a coligazón como fórmula de concorrencia con Anova e as mareas.

carmen santos un mar de xente
photo_camera Carmen Santos

Nen ir en solitario nen ir todos xuntos nun partido de nova planta. Carmen Santos oferta a coligazón como fórmula para non rachar a alianza que o partido morado estabeleceu nas eleccións xerais com Anova, Esquerda Unida e as plataformas municipalistas. A confluencia chegaría até o tope da coligazón. Non iría nen un paso máis alá.

A coligazón sería “a mellor maneira” de a confluencia empatar “con esa maioría social” que podería dar suporte a unha alternativa a Feijóo, argumenta Santos a meio dun comunicado de imprensa. E lanza un aviso aos navegantes das marés: “A unidade popular non é unha estratexia de márketing ou unha suma de votos”.

A líder de Podemos Galiza sente como a terra se move baixo os seus pés. Está en minoría no consello cidadá autonómico, controlado por Gómez Reino, o home de Pablo Iglesias na Galiza. E a súa alianza cos críticos é fráxil, porque non dá o paso de propor ir en solitario ás galegas. Non quere asumir o custo político da ruptura.

Carmen Santos: "A unidade popular non é unha estratxia de márketing ou unha suma de votos"

No fondo do debate o que achamos é a proposta lanzada por Beiras e as marés de ir a unha organización de nova planta, de afiliación individual, onde os partidos pre-existentes non é que desaparezan, senón que pasarían a hibernar. Sería unha fronte en que poderían coexistir militantes nacionalistas e non nacionalistas e/ou federalistas, tal e como ilustrou Carlos Aymerich no acto de Anova do Día da Patria 2016.

A líder de Podemos -e a maioría das bases- non contemplan en ningún caso esa opción. A súa análise, expresada con crueza polos críticos na rolda de imprensa desta cuarta feira en Compostela, é que o groso do eleitorado que apoiou as marés nas municipais e En Mareas nas xerais é voto Podemos e que, portanto, farían un mal negocio político diluíndose nun magma con forzas ás que consideran eleitoralmente menores.

O debate é entre Podemos e o resto de componentes das marés, mais é previo no proprio partido dos círculos e vaise substanciar esta sexta feira na asemblea “presencial” que irán realizar en Santiago ás 18 horas no hotel Santiago Apóstol. Nela dilucidarán a fórmula de concorrencia e, en función dela, a presenza ou non de Carmen Santos como secretaria xeral na asemblea constitutiva das marés a ter lugar este sábado 30 de xuño en Vigo.

A discusión sobre a fórmula de concorrencia está a opacar outra cuestión relevante, a de se Podemos aceita o candidato de consenso proposto polos tres alcaldes -o maxistrado Luís Villares- ou se, pola contra, prefire primarias competitivas ás que acudir cun candidato próprio, ou talvez coa proposta alternativa de que sexa Beiras -co que Carmen Santos ten mostrado bastante afinidade nos últimos tempos- quen encabece a candidatura polo seu potencial simbólico.

Esta última hipótese perde forza desde o momento en que Podemos Galiza non está a respaldar a fórmula de partido instrumental que preconiza Beiras para se apresentar ás eleccións de outono.

Comentarios