O líder de Podemos en Galiza considera que “Beiras debeu retirarse antes”

Breogán Riobóo lamenta que AGE “amosase formas da vella política” e ataca tamén ao BNG, ao que acusa de “falta de autocrítica” namentres resta importancia á escasa participación interna na súa formación “porque hai falta de costume”.

[Imaxe Podemos]
photo_camera Acto de Podemos.

O líder de Podemos en Galiza, Breogán Riobóo, concedeu unha entrevista á axencia Europa Press na que criticou á práctica totalidade das forzas políticas que operan no país, dicindo de PP, PSOE e BNG que “non teñen credibilidade” e de AGE que “non é a día de hoxe unha alternativa”. Asegurou que aspira a gobernar a Xunta após as autonómicas, nas que cre que pode alcanzar un 40% dos votos. 

Riobóo falou do líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, do que destacou “un papel moi importante ao longo da historia” pero do que dixo que “comete un erro ao non retirarse antes”. Malia ser militante durante unha tempada de Anova, o líder de Podemos dixo “lamentar as formas da vella política” que viu en AGE, da que tamén criticou a súa “falta de cohesión”. Pola súa parte, sobre o BNG afirmou que “dá tombos xa que pasa de CiU e PNV a Bildu” e “non fai autocrítica”. 

"O galego pode perderse en dúas xeracións; debemos mirar cara os lugares onde si coidan o idioma"

Respecto ao PSOE, Riobóo declarou que “perdeu o norte” e do líder do PP en Galiza e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que “non ten capacidade para gobernar”. Respecto ao seu propio partido, apenas concedeu importancia á escasa participación das bases de Podemos en Galiza nas consultas sobre as municipais -que non chegaron ao 10% mínimo en Vigo e Ourense- situación que dixo que se debía “á falta de costume, a xente aínda está afeita a votar só cada catro anos ”. Das baixas de militancia que sofren apuntou que se debían “á depuración do censo, no que había nomes que non eran reais”. 

Riobóo tamén falou da lingua galega, da que dixo que “pode perderse en dúas xeracións” polo que chamou a atender á “opinión de expertos” e a “fixarse o que fan ben alá onde si se coidan os idiomas”.

Comentarios