O líder de NNXX defende a emigración xuvenil porque "se adquire experiencia"

Diego Gago afirmou nunha entrevista que a emigración entre a mocidade contribúe a "coñecer novas realidades, culturas e idiomas".

Gago
photo_camera Diego Gago [Imaxe: PP]

O líder de Novas Xeracións, Dieg Gago, defendeu nunha entrevista concedida á axencia de noticias Efe a emigración xuvenil. Para Gago que perto de 100.000 moz@s abandonasen Galiza nos últimos 3 anos na procura dun proxecto de vida non é algo negativo. Máis ben o contrario.

Segundo o presidente da organización xuvenil do Partido Popular coa emigración "adquírese experiencia" e boa parte da mocidade, sinalou, "be con bos ollos" o feiro de "coñecer novas realidades, culturas e idiomas". Un feito que lles permite, di, acadar un maior "enriquecemento persoal". 

Para o líder de NNXX a emigración supón "un enriquecemento persoal" para a mocidade

Para Diego Gago, asemade, o drama do desemprego xuvenil, que atinxe en Galiza o 50% das persoas menores de 30 anos, era "peor" fai un tempo e defende as teses de recuperación económica pregoadas polo PP. "Comézase a albiscar unha tendenza de cambio de ciclo", acrecentou. 

Unha mudanza, asegura, que devén das políticas económicas da Xunta dirixidas ás faixas de idade máis novas, como o Plano de Emprego Xuvenil. Unha medida que desde as organizacións sindicais e xuvenís nacionalistas critican pola "precariedade laboral" que promove, por exemplo, cos contratos de formación e aprendizaxe. 

No programa da Radio Galega, 'Galicia por Diante', Gago mudou as súas declaracións e asegurou que "os mozos non emigran por gusto" mais, acrecentou, "as condicións son diferentes a cando o facían os nosos avós". 

Comentarios