A líder emerxente Susana Díaz defende a unidade de España na Conferencia do PSOE

Se houbera que nomear a triunfadora da primeira xornada da Conferencia Política do PSOE o nome sería indiscutíbel. A presidenta andaluza Susana Díaz conseguía a maior ovación dos 2.500 asistentes e era a encargada de defender o discurso máis político, avogando pola unidade de España e convidando ao PSC a se ater ao texto constitucional. 

Besteiro e Díaz
photo_camera Besteiro e Díaz

Dúas das tres fotos que o gabinete de prensa do PSdG enviou hoxe aos medios da conferencia política son de Besteiro con Susana Díaz. A outra é do grupo de cargos políticos que participan no debate. A presidenta andaluza aparece como a triunfadora da primeira xornada da conferencia política do PSOE á que asisten 2.500 persoas no Palacio de Congresos de Madrid. Seu foi o discurso máis ovacionado e súas tamén as liñas que marcaron o camiño da conferencia: desbotar a elección en primarias de toda a militancia e a defensa dunha España unida fronte ao conflito co PSC, a quen, por outra banda, tamén foi a encargada de tender a man. 

O protagonismo de Susana Díaz na conferencia do PSOE xestárase xa con anterioridade mais quedou á vista desde primeira hora da mañá, cando foi ela a que acompañou a Rubalcaba a un encontro previo co secretario do PSC Pere Navarro e tamén foi a federación andaluza quen se encargou de “blindar” o partido diante dunhas posíbeis primarias que, despois da intervención de Chaves, quedaron adiadas. 

"Unidade de España", di Susana Díaz, "Dese un punto de vista federal", di Pere Navarro

O PSOE quería coller folgos para encarar unha nova etapa mais, no transcurso da xornada, foise atopando co seu propio pasado, cun Felipe González que presidía o Foro da Globalización e batía nas costas a Susana Díaz para mostrar o seu beneplácito á figura que de ser noemada recentemente presidenta de Andalucía xa se manifesta como a persoa con máis aspiracións no partido, de procedencia andaluza, como no momento álxido da súa presidencia. Tamén coa forza histórica da federación andaluza, que ofreceu o apoio a Rubalcaba, conseguiuse que o secretario xeral non se elixira polo voto directo da militancia senón por congreso de delegados e delegadas. Quedou, sen embargo, reducido o número de avais precisos xa que para se candidatar abondan 10.000.  

Busca do orgullo perdido e recuperar enerxías despois de múltiples fracasos electorais foi a nota común de partida que aproveitou cun discurso novo a presidenta andaluza, Susana Díaz que sentou as bases tamén das liñas políticas do PSOE, en especial, en canto ao modelo organizativo de España na que a presidenta foi contundente na defensa da unidade e convidou os membros do PSC a se axustaren á Constitución Española. 

Se Susana Díaz defendeu a unidade de España no seu discurso inicial, o responsábel do PSC, Pere Navarro viuse na obriga de saír ao paso das declaracións sinalando que compartía a idea mais “desde un punto de vista dunha España federal”. Sen embargo, o discurso de Díaz non daba pé a moitas ambigüídades xa que mesmo se dirixiu aos cataláns esgrimindo a defensa do texto constitucional. “Este país non se pode permitir que o PSOE cre desconcerto e inseguridade entre os cidadáns, xuntos somos máis” dixo a presidenta de Andalucía. Antes da conferencia, a organización do PSOE quixo mostrar xuntos a Susana Díaz Pérez Rubalcaba e Pere Navarro. 

Comentarios