O ministro de Xustiza propón abrir un debate sobre a publicación de filtracións na imprensa

Rafael Catalá defendeu "pór controis" para protexer a "confidencialidade" dos procesos xudiciais.

Rafael Catalá
photo_camera Rafael Catalá [Imaxe Moncloa]

Rafael Catalá propuxo nun acto convocado polo Círculo Ecuestre de Barcelona estabelecer medidas para impedir que os medios de comunicación poidan publicar informacións referidas a procesos xudiciais abertos que deriven de filtracións. 

O ministro de Xustiza español defendeu, neste senso, abrir un debate político e social a respeito da protencción da "confidencialidade" e a "presunción de inocencia" mesmo se isto supón a fixación dunha "sanción" aos medios de comunicación ou "impor a obriga da non publicación da información". 

As declaracións de Catalá derivaron nunha fervenza de críticas, as máis desde as redes sociais, ao considerar que a súa proposta constitúe unha vulneración do dereito á información e a liberdade de imprensa. Razón pola que saíu ao paso esta quinta feira para asegurar que as súas verbas foran "malinterpretadas". 

Catalá defende sancionar as persoas que filtres e coida un "bon debate" trasladar esas sancións aos medios

Asegura que nas súas declaracións representan unha "reflexión" sen que esta proposta estea na axenda política do goberno, sinalou. Aliás, acrecentou, "non ten nada a ver con penalizar os medios". 

"Puxen riba da mesa esta reflexión e xerouse non sei se un debate ou ruído", apuntou Rafael Catalá. "Deberiamos reflexionar sobre se temos que atopar un equilibrio razoábel sobre esta cuestión". Porén, na súa intervención inicial no Círculo Ecuestre e en resposta á pregunta formulada desde as cadeiras de asistentes o certo é que o ministro de Xustiza español avogou por "sancionar con firmeza" ás persoas que filtren informacións referidas a procesos xudiciais e mesmo defendeu que esta "sanción" sería un interesante debate de se "trasladar ao medio" que as publique. 

Comentarios