OLAIA FERNÁNDEZ DAVILA / DEPUTADA DO BNG NO CONGRESO

“A lexislatura de Rajoy deixa devastación, un escenario de postguerra”

A portavoz da formación nacionalistas en Madrid desvela as liñas de discurso que defenderá no Debate de Política Xeral que ten lugar esta semana, onde “volverase falar de Galiza grazas á presenza do BNG, xa que ningún outro grupo fai nunca referencia ningunha aos nosos problemas”.

Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

Olaia Fernández Davila (Vigo, 1954) exercerá de portavoz do BNG no Debate de Política Xeral que comeza esta terza-feira no Congreso, unha cita que a parlamentaria aproveitará para situar Galiza no escenario dentro dunha cita marcada pola inminencia de varios procesos electorais no Estado durante este ano.
.
-Cales serán as liñas mestras da súa intervención en nome do BNG durante o Debate?

Non temos moito tempo, xa que só nos dan sete minutos para falar, pero como sempre intentaremos que estean presentes as problemáticas de Galiza e iso levaranos a expoñer a nulidade deste Goberno para o noso país, con orzamentos que non se cumpren ou promesas como as do tren de cercanías polas que seguimos agardando. Tamén criticaremos a oportunidade perdida de crear unha banca pública ou semi-pública a partir das desaparecidas caixas, vendidas a prezo de patacón. E por suposto faremos referencia aos sectores produtivos, denunciando os paripés cun sector lácteo que segue en crise ou a competencia desleal contra a pesca galega pola eliminación de aranceis.

-É o último Debate da lexislatura, que ademais coincide cun ano plurielectoral.

Seguramente Rajoy aproveitará para facer un mitin, cun balanzo en positivo. Pero a realidade é que a súa lexislatura foi a dunha demolición, o que deixa o seu Goberno é devastación, un escenario de postguerra, coa taxa de pobreza infantil máis alta de Europa xunto á de Rumanía, cunha desfeita nos servizos sociais e públicos, cun grande crecemento do desemprego, cunha dramática perda de diñeiro en dependencia ou un mercado laboral baseado na precariedade absoluta ao tempo que os ricos son agora máis ricos. Tamén sofremos un proceso de recentralización moi forte ou vemos a posición cerril do Goberno ante a reivindicación do dereito a decidir, en Catalunya pero tamén noutras nacións. E non me esquezo da corrupción, que alcanza de pleno o PP.

O debate de política xeral comeza esta terza feira no Congreso

-É reversíbel todo o que fixo este Goberno? Hai cambios, ou retrocesos, que parecen pensados para instalarse de forma perpetua aproveitándose da resignación.

-Ese é un obxectivo que foma parte do método que utiliza o poder, creando unha situación de deterioro e empobrecemento que acabe sendo asumida por moita xente. Pero desde o BNG cremos que si é reversíbel, que non temos porque afacernos ao que está mal.

-Sen o BNG, falaríase de Galiza no Debate?

-É unha realidade que non. Os únicos que poñemos sobre a mesa os problemas de Galiza, malia o pouco tempo que temos, somos nós. Outras forzas que tamén contan con deputados e deputadas galegas non din nin unha palabra sobre a situación do noso país. E non porque os seus portavoces non fagan referencia a territorios concretos, que si que o fan, pero nunca son Galiza.

"Outras forzas que tamén contan con deputados e deputadas galegas non din nin unha palabra sobre a situación do noso país"

-Como reacciona Rajoy á intervención do BNG? Con desinterese? Enfadado?

-Pois teño que recoñecer que atende e, se cadra pola súa condición de galego, até ten preparadas as respostas, aínda que non nos convenzan. Pero nese sentido non temos queixa como si chegamos a ter, por exemplo, con Zapatero, ao que Jorquera nalgunha ocasión tivo que pedirlle respecto á nosa intervención.

-Estará moi marcado o Debate por forzas políticas que non teñen presenza no Congreso?

-Non creo, aínda que a preocupación pode notarse nalgúns discursos. Pero é ben recordar que moitas das ideas que manexa, por exemplo, Podemos xa as levamos propoñendo desde hai anos varias forzas no Congreso, entre elas o BNG.

Comentarios