Xaime Óscar Iglesias

“Levamos toda a lexislatura coa ameaza dunha moción de censura de PP e PSOE enriba”.

O alcalde de Baños de Molgas asegura que non había pacto de goberno co PSOE, partido que anunciou que retiraba o apoio ao goberno nacionalista. “Nós imos seguir co noso traballo e eles, PP e PSOE, que fagan o que vexan”.

xaime baños de molgas bng alcalde
photo_camera Xaime Óscar Iglesias

O PSOE de Baños de Molgas (2 concelleiros) remitía estes días unha nota de imprensa na que anunciaba que daba por roto o pacto de goberno e rachaba o bipartito co BNG (3 edís) neste pequeño concello de Ourense. Unha noticia sorprendente porque, como sostén o alcalde de Baños, Xaime Óscar Iglesias, non existía tal co-goberno nin pacto de goberno. “O PSOE vén de anunciar que pasa a oposición, mais xa estaba nela”, aclara.

- Se non había pacto de goberno nin coligazón, que foi o que pasou?

- Despois das eleccións municipais, e cun PP sen maioría [obtivo 4 de 9 concelleiros], BNG e PSOE comezamos a falar para chegar a un acordo. Foron unhas negociacións complicadas, entre outras cuestións porque o voceiro socialista, que levaba as negociacións, estaba en Bruxelas, que é onde traballa. Nós ofrecimos que a alcaldía fose para o BNG, por ser o máis votado dos dous, e a tenencia-alcaldía para os socialistas. Mais non quixeron , eles querían que se lles deixase gobernar ano e medio. Non houbo acordo.

O PP tenlle ofrecido a alcaldía ao PSOE para que eu non fose rexedor

- Vostede foi investido alcalde co apoio dos votos socialistas

- O día antes do pleno de investidura o voceiro socialista díxome que tiña o apoio do PP para ser el alcalde. Na sesión plenaria propúxose el como candidato a alcalde mais votou polo BNG. Non estaban no goberno, tiveron unha competencia delegada, a concellaría de Participación Cidadán, e presenza na representación municipal perante diferentes organismos. Daban apoio puntual nalgunhas cuestións, non en todas. Mais a cousa foise, por dicir así, enfriando. En Participación Cidadá non fixeron nada, agás presentar unha ordenanza de participación copiada dun concello veciño, de 10.000 habitantes, e que non é o máis acaído para nós, que temos 1.600.

- Entón o único que aconteceu foi que o PSOE deixa a concellaría que xestionaba?

- Eles anunciaron o outro día que pasaban á oposición, que era onde xa estaban. A única diferenza que hai de hai uns días a hoxe é que o goberno municipal ten unha competencia máis, a de Participación Cidadán.

Sementamos a idea de que se pode gobernar doutra forma, de que aquí porque gane unha determinada forza iso non ten que significar que vaia gobernar “para os seus”

- Fálase de moción de censura, o propio voceiro socialista non desbota dar este paso

Non vexo a PSOE e PP, en canto partidos, presentando unha moción de censura. Mais os seus voceiros aquí son unhas persoas bastante personalistas. O socialista é alto funcionario europeo e está no PSOE porque lle cadra e o do PP, após perder as eleccións, ficou bastante abandonado polo partido. O certo é que os ruxes-ruxes dunha moción de censura non son novos. Levamos toda a lexislatura coa ameaza dunha moción de censura de PP e PSOE enriba. E o PP tenlle ofrecido a alcaldía ao PSOE para que eu non fose alcalde. Mais non podemos permitir que iso afecte ao noso traballo como goberno. Non temos temor, se a queren presentar, que a presenten. Nós seguimos traballando.

- En 2015, e por primeira vez desde a fin do franquismo, a dereita perdía as eleccións municipais en Baños de Molgas, e chegaba ao goberno o BNG. Como se vive un cambio así? Que foi o que intentastes facer desde entón?

- Nós tiñamos claro que era necesario un cambio en Baños de Molgas. Que había que introducir outras dinámicas, impulsar a participación veciñal, solucionar os problemas que se viñan arrastrando desde hai anos. Queriamos cambiar esa sensación na xente de que Baños de Molgas morría, de que non había que facer. Sementamos a idea de que se pode gobernar doutra forma, de que aquí porque gane unha determinada forza iso non ten que significar que vaia gobernar “para os seus”. Non. Aquí, visibilidade e transparencia en todo, nas axudas, nas contratacións... Queremos que se vexa que se pode gobnernar doutra forma, diferente a como se fixo nestes corenta anos. Baños de Molgas ten moitas potencialidades. E nós cremos nelas  

Comentarios