AO TER DEPUTADOS DE PODEMOS

Os letrados do Congreso non ven posíbel a formación do grupo parlamentar de En Marea

De acordo co regulamento do Congreso non poderán formar parte de grupos parlamentares separados deputados pertencentes a un mesmo partido.

Fontes políticas e xurídicas consultadas por Publico.Es afirman que non é viábel a constitución dos grupos parlamentares de Em Comú (12 deputadas), En Marea (6) e Compromís-Podemos-És el Moment (9). É certo que cumpren requisitos como o número mínimo de actas (5) e a percentaxe nas circunscricións en que obtiveron representación (15%), mais o problema é que no seu seo se aliñan deputados de Podemos. No caso de En Marea, dous, o número 1 por A Coruña -Antón Gómez-Reino- e a número 2 por Pontevedra Ángela Rodríguez. Nese caso non se cumpriría o artigo do regulamento do Congreso segundo o cal deputados pertencentes a un mesmo partido non poderán facer parte de grupos parlamentares distintos. Isto é, Gómez Reino e Rodríguez terían de se integrar no grupo de Podemos. Dese xeito, En Marea ficaría con 4 actas, 1 menos das exixidas, a expensas do que fixera Yolanda Díaz, deputada de IU.

"Non hai dúbidas nen caben interpretacións, segundo os criterios aplicados de forma rigurosa até o momento en todas as lexislaturas desde qeu estes preceptos do regulamento están en vigor", dixeron a Público fontes próximas ao "corpo de letrados".

A única opción para estes grupos se constituíren é unha leitura política favorábel por parte da Mesa do Congreso, mais iso pasaría por un eventual acordo de Podemos co PSOE

A única opción para estes grupos se constituíren é unha leitura política favorábel por parte da Mesa do Congreso, mais iso pasaría por un eventual acordo co PSOE, de difícil factura neste momento en que as posicións de Pablo Iglesias e Pedro Sánchez cara á investidura deste último están moi afastadas.

Mas mesmo que houbese ese nihil obstat político da Mesa do Congreso, nada está garantido porque con toda seguridade o PP apresentaría un recurso ante o Supremo ou mesmo ante o Constitucional. E aí nesa tesitura sempre acaba prevalecendo o criterio dos letrados da Cámara.

Comentarios