Carreira pola secretaria xeral do PSdeG

Leiceaga: “Podo aportar algo máis eu que os precandidatos”

“Agora mesmo estou máis inclinado polo si que polo non”. Así manifestou Xaquín Leiceaga, portavoz parlamentar do PSdeG, a súa intención de concorrer á Secretaría Xeral da formación política. Porén, apelou á “cautela” e á reflexión.

Xoaquín Fernández Leiceaga
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga

O portavoz parlamentar do PSdeG, Xaquín Leiceaga, estaría disposto a se postular á Secretaria Xeral da formación política. Aínda que dixo non ter decidido se se presentará como candidato, amosouse convencido, nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser, de que pode achegar máis capacidade de diálogo e máis experiencia aos outros dous aspirantes a liderar o PSdeG, Gonzalo Caballero e o outro posíbel candidato, Juan Díaz Villoslada.

“Nunha situación política complexa como esta ás veces precísase un pouco máis de experiencia política, de xestión de colectivos e, se se quere, de capacidade de interlocución na sociedade con outras forzas políticas. E eu creo que aí podo aportar máis eu”, sinalou na conversa. “Eu teño un grao de coñecemento que os outros dous precandidatos ou outras persoas non teñen", afirmou.

Sobre a súa posíbel presentación como candidato a dirixir o PSOE na Galiza, apelou á cautela, "a miña predisposición non é negativa pero manteñamos unha cautela". "Agora mesmo estou mais inclinado polo si que polo non, pero xa digo, en reflexión aínda. Primeiro hai que ver como son os tempos, o calendario aínda non é coñecido; eu calculo que até finais de agosto non haberá que tomar unha decisión definitiva, por tanto, temos un mes por diante, mes e pico, aínda para falar con xente", apuntou.

Por outra banda, defendeu que non se desligue o liderado orgánico e o social. E na Galiza iso pasa, dixo, pola presenza no Parlamento. Puxo de manifesto que o traballo realizado á fronte do grupo parlamentar é unha boa tarxeta de presentación.

Comentarios