Leiceaga: “En Marea debería resolver primeiro os seus problemas internos"

A Praza de Abastos de Compostela foi punto de confluencia de distintas formacións políticas que aproveitaron a mañá do sábado para repartir material informativo sobre as respectivas candidaturas. Entre as persoas que se deixaron ver polas rúas composteláns estaba Leiceaga, quen emprazou a En Marea a “resolver os seus problemas internos”.

[Imaxe: PSdeG] Leiceaga, no reparto
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Leiceaga, no reparto

En declaracións á prensa, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, acompañado de candidatos e candidatas do PSdeG ao Congreso, puxo de manifesto que a posición que adopte o PSOE após o 26X en relación á formación de Goberno terá “un apoio firme por parte de toda a militancia”. O candidato socialdemócrata respondía, así, a En Marea, que na sexta feira instou o PSOE a se comprometer a convocar un referendo para que as súas bases decidan.

Neste contexto, Leiceaga emprazou a coligazón formada por EU, Anova e Podemos a “resolver primeiro as súas cuítas, os seus problemas internos, ver quen coloca de titular e de reserva”. Engadiu, “nós temos uns procedementos moi estabelecidos”. Lembrou, ao respeito, que “o pacto” entre PSOE e Ciudadanos da pasada lexislatura “foi sometido á decisión de todos os cidadáns”. Tamén puxo como exemplo a convocatoria de eleccións primarias no PSdeG para elixir candidato a presidir a Xunta.

O PSdeG apela ao "voto da esperanza" fronte ao "voto do medo" ou o "voto por catálogo"

Leiceaga aproveitou a súa comparecencia diante dos medios para apelar a un “voto da esperanza e das convicións” fronte ao “voto do medo” ou “mesmo a votos por catálogo”.

Feijóo en Madrid?

Após o candidato de Ciudadanos por Barcelona asegurase que a formación laranxa ve con bos ollos Alberto Núñez Feijóo para substituír Mariano Rajoy, Leiceaga sinalou que “sería unha boa noticia para Galiza” pero “mala para España”. “Esperamos poder derrotar democraticamente Feijóo nas eleccións de outubro”, engadiu o candidato socialdemócrata á Presidencia da Xunta.

Comentarios