Leiceaga e Gonzalo Caballero asinan na recta final das primarias un pacto pola “renovación” do PSdeG

Tratan así de contrapesar a ventaxe de Méndez Romeu, ao que o vigués cualifica de "prórroga do pasado".

leiceaga caballero @xocas2016
photo_camera Imaxe: @xocas2016

Xaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero asinaron esta terza feira un pacto pola “renovación” do PSdeG, un acordo sobre un documento de 12 puntos que o candidato nas primarias socialistas e o militante vigués (que non acadou os avais precisos para competir) presentan como a base para un novo proxecto socialista en Galiza. O feito de que este pacto chegue en plena recta final do proceso de primarias leva a que se intreprete como un acordo para contrarrestar a candidatura de Méndez Romeu, que logrou 2.539 avais. A suma de Leiceaga (2.216) e de Caballero (540), superaría ao portavoz do PSdeG no Parlamento.

Mais os avais non serán quen decidan quen vai ser o candidato socialista para as eleccións galegas, senón a militancia, que votará esta fin de semana. Nos últimos días a campaña foi medrando en tensión e acusacións, centrando as críticas o sector de 'Abel Caballero' na presidenta da xestora, Pilar Cancela, pola súa dispoñibilidade a unha alianza coas marés.

“Prórroga do pasado”

Gonzalo Caballero cualificou esta terza feira a Méndez Romeu de “prórroga do pasado” e insistiu en que é mester “un novo proxecto”. Leiceaga falou de “renovación profunda” e a necesidade de “novos referentes”. O documento asinado entre ambos os dous componse de 12 puntos, entre os que se recollen cuestións como as incompatibilidades ou a limitación de mandatos. 

Comentarios