Leiceaga formaliza a súa candidatura ás primarias do PSdeG para elixir cabeza de lista á Xunta

O ex deputado do PSdeG Xaquín Fernández Leiceaga formalizou a súa candidatura ás eleccións primarias organizadas pola formación socialdemócrata para elixir candidato ou candidata á Xunta de Galiza.

4. CORUÑA-LEICEAGA

Na mañá do sábado confirmouse que Leiceaga aspira a ser o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta. O ex deputado do PSdeG convocaba na propia mañá do día 30 de abril aos medios para lles anunciar que se vai presentar ás primarias para tratar de “unir” o partido.

Nas declaracións aos medios, antes de formalizar a súa precandidatura, Leiceaga sinalou que “non son o candidato de ninguén e, desde logo, non vou selo en ningún momento”. Trataba de rexeitar así que a prensa o situase como aspirante dun sector concreto da formación socialdemócrata.

O ex parlamentar admitiu que a sexta feira se puxo en contacto “cunha vintena” de dirixentes do PSdeG de “procedencias ben diferentes” e que lle achegaron “cando menos, comprensión”. Tamén lle comunicou a súa decisión ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

"Esquerda" e "galeguismo"

Leiceaga salientou que espera que o PSdeG sexa quen de “construír unha alternativa, seguramente plural, ao PP”. Unha alternativa, apuntou, que se constrúa arredor de dúas palabras “esquerda e galeguismo”.

O profesor da USC é o primeiro militante do PSdeG que dá o paso para tratar de aspirar a ser cabeza de cartaz dos socialdemócratas. Todo apunta a que non será o único. Nos últimos días, José Luis Méndez Romeu daba a entender diante dos medios de comunicación que concorrería ás primarias para encabezar a lista do PSdeG nas eleccións galegas.

O calendario

Na mañá do sábado, o Comité Federal do PSOE aprobaba o regulamento das primarias do PSdeG. No proceso poderá participar toda a militancia afiliada antes do 20 de xaneiro. Os precandidatos e precandidatas necesitarán contar co 10% dos apoios da militancia galega para poder candidatarse.

O 3 de maio faranse oficiais as precandidaturas para facilitar o proceso de recollida de avais. Aínda así, até o 13 de maio ás 13h poderán presentarse outras precandidaturas. A votación terá lugar o 28 de maio.

Comentarios