Debate do estado da nación

Leiceaga, a Feixoo: “O seu é un goberno paralizado”

O portavoz do PSdeG acusa Feixoo de non dar resposta a “ningún” dos grandes problemas do país.

Leiceaga
photo_camera Leiceaga atende os meios no Parlamento

Esta década de Núñez Feixoo foi unha década na que Galiza non avanzou e na que os grandes problemas e retos do país continuaron afondándose. Así o sostivo o portavoz do PSdeG, Fernández Leiceaga, no seu discurso no debate sobre o estado da Nación. “Cal é o seu balanzo do goberno”, preguntoulle o socialista ao presidente, que proxecto propuxo?”.

Para Leiceaga, o que marca o actual goberno galego é a “parálise”, o que fica claro na actividade do goberno no Parlamento, “a onde non leva proxectos” e na falla de compromiso para con aquelas cuestións fulcrais. “Foi un presidente que preferiu xogar ao catenaccio a se enfrontar a Madrid”, acusouno Leiceaga.

Hai grandes “fracturas” no país (“social, económica, territorial”) que durante estes anos de goberno Feixoo non fixeron senón alargarse. Nese empeoramento da situación houbo influencia do contexto internacional (crise) mais tamén, acusou o portavoz do PSdeG; “das súas políticas, vostede estaba cómodo coa austeridade que impuña Montoro”.

Leiceaga debullou na súa intervención o impacto das políticas do PP en catro grandes bloques de importancia para o país e nos que considera que é preciso tomarlles o pulso para saber da saúde de Galiza: demografía, economía, servizos públicos e infraestruturas. A súa conclusión é negativa: “Galiza vai a menos demograficamente, en economía volvemos 10 anos atrás e en servizos públicos a austeridade deixou serias feridas”.

Reclamou “progresar e non alentar a pasividade e a inercia como formas de facer política”, e anunciou parte das propostas que presentarán os socialistas dentro do debate do estado da Nación, como o compromiso co diálogo social para reducir a precariedade no emprego, a supresión das primeiras matrículas na Universidade pública ou a gratuidade dos tramos das autoestradas xestionadas pola Xunta.

Comentarios