Leiceaga compara Feijóo con Donald Trump por prometer obras que non cumpre

O candidato do PSdeG acusa o actual presidente da Xunta de comprometerse con proxectos non realizados como o AVE Lugo-Ourense e de non conseguir máis transferencias para Galiza.

Sánchez e Leiceaga en Lugo (Foto: PSdeG)
photo_camera Sánchez e Leiceaga en Lugo (Foto: PSdeG)

O ton da campaña electoral sobe un chanzo após o debate electoral. O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, cargou esta terza feira contra o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo, a quen comparou con Donald Trump. “Trump falou de construír un muro en Estados Unidos que pagaría México. Feijóo dixo en 2009 que ía facer o AVE Lugo-Ourense e conseguir que Fomento pagase. Igual que Trump, son promesas esquecidas, que logo non cumpre", sinalou durante un mitin en Lugo.

Leiceaga chamou Feijóo “un gran construtor da súa carreira” e criticou a súa falta de “compromiso” con Galiza. “Non conseguiu máis transferencias desde 2009 cun goberno afín en Madrid”, apuntou o candidato socialista, que insistiu na idea central da súa campaña. “Hai dous camiños: o do cambio ou o da Arcadia feliz de Núñez Feijóo”, dixo durante o acto electoral, no que estivo novamente acompañado polo líder do seu partido, Pedro Sánchez.

“As enquisas din que vai ganar o de sempre, pero non hai nada escrito”, apelou Sánchez ante dous centenares de persoas, segundo declaracións recollidas por Europa Press. O número un do PSOE chamou a “votar o único que garante o cambio” para facer que “Feijóo se converta nun mal recordo para esta terra”.  

“As enquisas din que vai ganar o de sempre, pero non hai nada escrito”, apelou Sánchez en Lugo.

Sánchez enfocou parte da súa intervención ao escenario electoral estatal, pedindo a dimisión de Rita Barberá, despois de coñecerse que o Tribunal Supremo abriu unha causa contra a dirixente popular por presunto lavado de diñeiro. 

Pola súa banda, o candidato do PSdeG tivo palabras para o debate electoral emitido pola TVG, no que considerou que quedou de manifesto que Feijóo “só quere a continuidade dun goberno insensible, que pensa máis nas contas que nas persoas”. Esta cuarta feira, Sánchez continuará en Galiza para acompañar a Leiceaga nos actos de campaña en Santiago de Compostela, Ourense e Vigo.

Comentarios