Unha lei de termalismo "privatizadora"

O proxecto de Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza segue a súa tramitación parlamentaria despois de que fose aprobado en comisión o informe da ponencia, mais só cos votos a favor (7) do Grupo Popular e coas abstencións (5) dos grupos da oposición.
Noa Presas termalismo
photo_camera Noa Presas (BNG) e Luca Chao (Esquerda En Común), durante a comisión parlamentaria esta cuarta feira.

O debate das emendas presentadas polas diferentes formacións políticas na Comisión de Economía centrouse nunha cuestión: a nova lei, que vén substituír a de 1995, ten un nesgo "privatizador", segundo a oposición.

O PP contestou con rotundidade aos argumentos que neste sentido puxeron enriba da mesa tanto Ánxeles Cuña (Grupo Común da Esquerda) como Matilde Rodríguez Rumbo (Grupo socialista). "Confunden o dominio público coa utilidade pública. E este non é o lugar para reformular as normas sobre dominio público. Parece que van vostedes gobernar en Madrid e o Congreso é o lugar onde poden reformar as normas que atenden este cuestión", dixo a deputada ourensá Cristina Fernández desde a bancada popular.

Foi Ánxeles Cuña quen máis insistiu sobre as contradicións da lei que pretende aprobar o PP.

"Esta norma contradí a Lei de augas de 2001 que preserva o ciclo hidrolóxico como un ben unitario e de interese xeral. O que a ponencia está a propoñer é que non se recoñeza o dominio público das augas cun afán descaradamente privatizador, e non dirixido ao interese xeral senón ao interese da empresa privada estendendo a outras actividades o aproveitamento das augas termais", sostivo Cuña.

Pola súa banda, Rodríguez Rumbo, representante socialista, cuestionou a necesidade de elaborar unha nova lei e sinalou que "bastaría con ter modificado a lei do 95 para evitar a dispersión normativa actual e unificar criterios". A continuación advertiu que o PP rexeitara unha emenda socialista que subliñaba que "a utilidade pública forma parte do dominio público hidráulico". E insistiu Rumbo: "Toda a auga ten carácter de dominio público".

Na súa resposta, Cristina Fernández apuntou a unha das claves do desacordo. Mentres a nova lei que resultará desta proposta pretende manter a regulación das augas termais da Galiza baixo supervisión do organismo competente en minaría: a dirección xeral de Minas, dependente da Consellaría de Economía e Industria, a oposición intenta que sexa Augas de Galiza, dependente de Medio Ambiente, a que asuma as competencias. Cristina Fernández foi explícita ao sinalar esta cuestión: "O PSOE quere que as augas termais teñan a consideración de recurso hidrolóxico para poñelas en Augas, e que non sexan un recurso termal para quitalas de Minas".

As diferenzas entre ambos departamentos da Xunta (Minas e Augas) quedou patente en varios conflitos recentes e deixou en evidencia a maior sensibilidade da área de Minas que dirixe Ángel Bernardo Tahoces cara aos intereses empresariais.

Outras críticas

Alén do debate normativo, o texto da lei tamén recibiu outras críticas. Noa Presas (BNG) sinalou defectos de fondo, como que a proposta "non atende ás demandas de participación pública nin ten en conta aspectos de recuperación patrimonial vinculados ao termalismo". Ánxeles Cuña incidiu tamén no aspecto patrimonial e denunciou que o texto deixa fóra a regulación de "pozos, fontes e mananciais... deixa fóra As Burgas".

Una votación accidentada e a lotaría das emendas da oposición

"Tendo en conta o pouco éxito que tiveron as nosas emendas aos orzamentos, parece que nos tocou a lotaría", dixo a deputada nacionalista Noa Presas para subliñar que o PP asumiu a cuarta parte das modificiacións no texto propostas polo BNG. "Pois a nós non nos tocou a lotaría", lamentou Ánxeles Cuña. Na votación final do informe da ponencia, a mesa dubidou varias veces e estivo a piques de converter a lotaría nunha ruleta. Á fin, impúxose o PP.

Comentarios