A lei do ciclo da auga que prepara a Xunta "triplicará a factura", alerta Ana Pontón

O BNG denuncia a intención da Xunta de "incorporar un canon pola choiva, despois do imposto ao sol".
Ana Pontón no encontro con alcaldesas e alcaldes do BNG sobre a lei do ciclo da auga (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón no encontro con alcaldesas e alcaldes do BNG sobre a lei do ciclo da auga (Foto: Nós Diario)

O BNG rexeitou publicamente a nova lei en que traballa o Goberno galego para a xestión do ciclo da auga. A formación nacionalista alerta de que suporá "triplicar" os impostos que deberán aboar Concellos, empresas e usuarios particulares. 

O texto, que se someteu a información pública até 15 de setembro, está en período de posíbeis incorporacións de alegacións e, tras iso, entrará no Parlamento galego. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, informou esta segunda feira, 20 de setembro, no marco dun encontro con alcaldesas e alcaldes nacionalistas, de que o Bloque trasladará o rexeitamento a esta lei na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cuxa comisión executiva reúnese mañá.

O representante do BNG na Fegamp e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, explicou que o Bloque emitirá unha postura en contra deste anteproxecto e reclamará a súa "retirada" porque o texto é "irreformábel". Aliás, reclamou que se inicie un "proceso participativo" en que a sociedade civil e os Concellos poidan realizar un plan sectorial de xestión da auga en que se marquen as liñas estratéxicas.

"Perplexos" é a maneira en que definiu a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a reacción das e dos alcaldes ante o anteproxecto de lei. Así, denunciou que o que propón a Xunta é "aumentar as taxas" e mesmo cobrar un canon por "depurar a auga da choiva". González sinalou que a Galiza necesita un plan de abastecemento e saneamento para todo o país e levar a cabo unha "reflexión seria e real cos axentes que están no territorio". Ademais, a xuízo da alcaldesa, o anteproxecto "parte do descoñecemento do territorio" sen ter en conta circunstancias como as traídas de auga de abastecemento xestionadas por mancomunidades.

En definitiva, sinalou Pontón, o anteproxecto ten un "mero afán recadatorio" nun contexto en que as eléctricas "fan caixa". Así explicou  que a nova fórmula de cálculo incrementa o custo: "o que vai facer o Goberno de Feixoo é incorporar un canon pola choiva, despois do imposto ao sol".

Limpeza de infraestruturas  para previr os lumes

O deputado do BNG  Néstor Rego rexistrou esta segunda feira no Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado cumpra os plans de prevención de incendios e garanta, en consecuencia, a limpeza das vías de ferrocarril e ao redor das estradas para que queden libres de maleza.

Pide que se manteñan as medidas de seguranza viaria e ademais demanda compensar os gastos e perdas materiais polos lumes que fosen orixinados pola falta de mantemento das marxes destas infraestruturas de titularidade estatal.
 

Comentarios