A lea de Iglesias e Errejón comezou hai dez meses en Galiza

A operación para desbancar Breogán Riobóo da secretaría xeral galega, limiar da pugna entre pablistas e errejonistas. “A batalla de Madrid comezou aquí con Breogán”, lembrou Carmen Santos.

[Imaxe: Podemos]
photo_camera [Imaxe: Podemos] Pablo Iglesias e Íñigo Errejón

O enfrontamento entre Pablo Iglesias e Iñigo Errejón ás portas de Vistaalegre II ten en Galiza unha antesala. Concretamente hai dez meses, na lea interna que derivou na demisión do entón secretario xeral galego, Breogán Riobóo, e a convocatoria de comicios internos. Maniféstao Carme Santos, actual líder de Podemos Galiza, que nunhas declaracións esta semana recollidas por axencias afeou aos ‘errejonistas’ que estean, di, danando Podemos.

Santos afirmou que a comezos deste ano deuse en Galiza unha manobra “orquestrada” por Sergio Pascual, daquela secretario de Organización de Podemos e man dereita de Iñigo Errejón. Unha vaga de demisións en bloque na dirección de Podemos Galiza deixou Riobóo contra as cordas, forzándolle a deixar o cargo e abrindo un proceso electoral para elixir novo liderado. “A batalla de Madrid comezou en Galiza, con Breogán”, sostén Carmen Santos.

A actual secretaria xeral lembra que nese proceso electoral Iñigo Errejón, Sergio Pascual e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, apoiaron Ángela Rodríguez, ‘Pam’, deputada de En Marea no Congreso. Mais esa opción saíu derrotada, gañando a liderada por Santos. “Pablo Iglesias si que me apoiaba mais na intimidade do partido”, confesa.

Santos afirma que desde que gañou optou pola integración dos diferentes sectores. Porén, afirma, desde o sector de Ángela Rodríguez reclamaban a metade dos cargos e dos liberados.  

Comentarios