Lara Méndez, alcaldesa ao seu pesar

Nunca quixo ser alcaldesa de Lugo e notáselle.

lara mendez

Nunca quixo ser alcaldesa de Lugo e notáselle. Desembarcou no  segundo posto da candidatura municipal  do PSOE na capital da provincia para substituír a Xosé Ramón Gómez Besteiro como presidenta da deputación porén a negativa  do BNG, Lugonovo e ACE a apoiar como alcalde a Xosé López Orozco por atoparse imputado e o rexeitamento de González Santín a ocupar esta responsabilidade, puxeron fin ás aspiracións de Méndez a presidir o goberno provincial. Á elixida por Besteiro  para velar pola súa herdanza e dirixir o socialismo na provincia, non lle quedou outra que asumir a alcaldía e fíxoo chorando, no que o seu círculo de confianza considera como o día máis triste da súa xa longa carreira política. Nin as sonoras derrotas electorais en Cervo, onde encabezou en dúas ocasións as listas do PSOE con magros resultados, nin os desplantes do círculo máis próximo a Besteiro, que de xeito reiterado poñían en cuestión a súa capacidade e solvencia política mesmo diante dos medios de comunicación, eran comparábeis coa raiba e a dor que significaba ocupar a alcaldía.

A súa traxectoria vital e política nada ten a ver con Lugo. Iniciouse na militancia nas Xuventudes Socialistas de Cervo, nun momento no que esta localidade era unha das prazas das fortes do PSOE na provincia, asumindo o liderado do socialismo no concello após ter que abandonar  asediados pola corrupción as súas responsabilidades os vellos cadros da organización. Candidata PSOE á alcaldía de  Cervo, nas dúas ocasións que encabezou a lista colleitou sonoros fracasos fronte a un Partido Popular dirixido con  man de ferro por un antigo dirixente socialista, Xosé Manuel Balseiro,  actual delegado da Xunta en Lugo. Empurrada por Besteiro á vicepresidencia da deputación no seu primeiro goberno onde destacou en funcións de representación maiormente na comarca da Mariña, pensaría posteriormente nela para substituíla atendendo a súa fidelidade así como á súa obediencia probada  ao núcleo de asesores que conformaba a garda pretoriana de presidente do ente provincial.

Os problemas para Lara Méndez non rematan coa reprobación. Unha vez superado a metade da lexislatura os grandes temas seguen abertos 

Non sorprendeu a reprobación de Lara Méndez no pleno da corporación de Lugo do pasado 27 de Xullo. Aínda máis, semellaba unha decisión cantada á vista da súa incapacidade para superar a herdanza envelenada da etapa de Orozco, da súa incompetencia para facer fronte aos problemas da cidade e da súa falla de man esquerda para tecer acordos cos grupos da oposición que posibilitaron no seu momento a súa investidura. Se ben Méndez tentou desde o primeiro momento marcar distancias coa etapa de Orozco, provocando mesmo un malestar que rematou en ruptura con este último, socialmente o seu goberno é asociado ao deste, de xeito moi particular naqueles aspectos que remataron por ser xudicializados. Outro tanto acontece coa xestión diaria, cunha cidade paralizada nos seus problemas máis inmediatas, do que é bo exemplo a tardanza no pago aos provedores, dos problemas coa ORA e co tráfico urbano ou do conflito xerado cos funcionarios municipais en relación coa RTP. Ao tempo a alcaldesa de Lugo acumula fracasos nos intentos de acordar coa oposición, sexa nalgúns casos pola falta de disposición desta pero sobre todo polo seu autoritarismo e polas dificultades para dialogar, que desde as súas propias filas vinculan as características persoais de Méndez.

Os problemas para Lara Méndez non rematan coa reprobación. Unha vez superado a metade da lexislatura os grandes temas seguen abertos e sen perspectiva de resolución no que resta da mesma. A isto sumáselle as frontes abertos nas súas propias filas, cunha equipa de goberno que non é capaz de tomarlle o pulso ao concello, sexa nuns casos pola falla de experiencia do mesmo e noutros pola desmotivación que provoca o suposto dirixismo dun grupo de asesores procedentes da etapa de Méndez na deputación que descoñecen o funcionamento da mecánica municipal. Ao tempo, anunciase un endurecemento da acción da oposición, particularmente tras a dimisión dos portavoces do PP e de Lugonovo que até o momento significáronse por unha maior sintonía coa alcaldesa pero tamén pola maior proximidade ao próximo proceso electoral municipal. Porén, como comentan desde o PSOE, o principal problema de Méndez está nela mesma, unha alcaldesa que non só amosa falta de capacidade na acción de goberno senón que transmite desleixo e ausencia de compromiso, e isto percíbese de xeito claro por parte da cidadanía.

Comentarios