Lanzan un Manifesto na Coruña a prol dunha lista “de confluencia” para as municipais

'Marea Atlántica' aposta en “sumar forzas para rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal”. Manuel Rivas, Óliver Laxe ou Lucía Aldao asinan o Manifesto.

acoruña
photo_camera Concello da Coruña

“Un espazo de confluencia, no que caibamos todas e todos, arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal”. Así se presentan os 99 asinantes de Marea Atlántica, o manifesto que se lanzou na Coruña co obxectivo de “sumar forzas de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro”.

"Merecemos unha cidade sen corrupción nin desafiuzamentos. Acolledora e á vez orgullosa da súa lingua e cultura", afirma Marea Atlántica

“Merecemos unha cidade sen corrupción nin desafiuzamentos. Unha cidade libre de especulación. Unha cidade para as persoas, para a convivencia e a realización individual e colectiva, non un escaparate. Unha cidade sen complexos, acolledora e á vez orgullosa da súa lingua e a súa cultura. Unha cidade sen exclusións de ningunha caste. Unha cidade á medida dos e das de abaixo”, afírmase no Manifesto, que en chave de proposta aberta para unha candidatura cidadá conta co apoio de persoas de diferentes eidos, algunhas con certo alcance público como o escritor Manuel Rivas, o cineasta Óliver Laxe, a poeta Lucía Aldao ou activistas sociais da cidade como Rocío Fraga, Tone Gómez-Reino ou Rubén Pérez.

Marea Atlántica chama a “sumar en rede máis firmas e apoios activos para así validar un proceso capaz de recuperar as ferramentas necesarias para combater a desigualdade e construír unha cidade e un país distintos”.

Comentarios