Iniciativa nas redes

Lanzan #EuQueroPrimarias para a candidatura da Marea non ser froito dun pacto entre cúpulas

O debate aberto no seo das mareas sobre o procedimento de confección da candidatura para as eleccións galegas chega ás redes.

primarias

As mareas teñen dúas perguntas que contestar en relación ao proceso de escolla da súa candidatura para o Parlamento galego. A primeira, a de que persoa a irá encabezar. A segunda, a do procedimento para a súa elección.

Sobre a primeira cuestión, todos os focos están postos en Xosé Manuel Beiras, o líder de Anova, e alternativamente nalgunha personalidade independente, co xuíz Luís Villares como mellor situado nos díxome díxome. Sobre a segunda, hai basicamente dúas posicións. A de ir a un candidato non de parte, sen militancia partidaria, de consenso, que logo poda ser refrendado nunhas primarias sen rival -defendida por exemplo por Xulio Ferreiro- ou a de optar por primarias abertas con distintas opcións -pulada por Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galiza.

Neste debate entrou nestas últimas horas a iniciativa #EuQueroPrimarias, promovida por Espazo (o antigo Espazo Ecosocialista), a corrente que ten como referente Xan Hermida. A súa posición é nidia: queren primarias con distintos candidatos e non un pacto entre os partidos como o que levou a En Marea a elexer as súas listas para o Congreso e o Senado.


Nun vídeo pendurado na rede, Xan Hermida argumenta que o 26X -En Marea cedeu un deputado e un senador- "debería facernos reflexionar" na dirección de "reactivar o potencial das marés para o cambio". Ao seu xuízo, "é fundamental reconstruír o relato do cambio necesario para a maioría social. Por iso son necesarias a participación e a democracia. Por iso son necesarias as primarias", alega.

Comentarios