O BNG lanza unha campaña social e política contra o "espolio e a depredación" dos eólicos que sofre Galiza

A portavoz de Enerxía, Noa Presas, advirte dos numerosos cambios legais realizados polo Goberno galego para beneficiar o oligopolio eléctrico. Propón un modelo alternativo con medidas que permitan ordenar o sector, protexer o medio ambiente e obter un retorno económico para as e os galegos.

Parque eólico de Miñón (Greenalia).
photo_camera Parque eólico de Miñón (Greenalia).

A repercusión dos grandes proxectos eólicos está a causar unha enorme preocupación entre a sociedade galega. Segundo os datos da Asociación Empresarial Eólica, Galiza situouse ao remate de 2020 como o cuarto territorio do Estado con maior potencia eléctrica instalada, 3.829 megawatts (MW), a través de 186 parques, e as compañías enerxéticas teñen actualmente en tramitación no país máis de 10.000 MW, o que supón aumentar a potencia instalada en máis de 72%.

Están actuando "sen planificación, sen un axuste ás necesidades medioambientais e sociais do noso país e sen o máis mínimo consenso", indica Presas, portavoz nacionalista de Enerxía

Diante deste panorama, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) lanza unha campaña social e política para denunciar e responder á situación de "espolio e depredación eólica" que está a vivir a Galiza nestes momentos, cun desenvolvemento "sen precedentes" e a implantación de novos proxectos eólicos ao longo do territorio galego "porque se está facendo sen planificación, sen un axuste ás necesidades medioambientais e sociais do noso país e sen o máis mínimo consenso". 

O 'boom' dos eólicos

A portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, a través dun comunicado de prensa, advirte de que este boom eólico sen precedentes "non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer o grande oligopolio eléctrico".

Presas recrimina o papel consentidor do Goberno estatal e o do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, "que desde a Xunta está impulsando numerosos cambios legais para achaiar o camiño ás compañías eléctricas, mentres se perde biodivesidade e se perden oportunidades, tamén nun momento de crise económica, de que esta enerxía reverta no país".

Unha tarifa eléctrica galega

Para o desenvolvemento da campaña, e segundo indican no comunicado, desenvolverán un conxunto de iniciativas políticas e institucionais, con distintas accións de mobilización social, encontros informativos, reunións con colectivos ou roteiros por espazos naturais afectados. Entre outras, o BNG propón un modelo alternativo que, segundo explica Presas, "sexa sustentábel, xusto e reverta en beneficio das galegas e os galegos".

Propón a ampliación da Rede Natura e a paralización dos proxectos que lle afecten, salvagardando así espazos de alto interese ambiental

No maquete de medidas, desde o Bloque defenden unha nova lexislación e un novo Plan sectorial que ordene o territorio e blinde aquelas zonas que deben estar libres de eólicos, para o que tamén propón a ampliación da Rede Natura e a paralización dos proxectos que lle afecten, salvagardando así espazos de alto interese ambiental e elementos estratéxicos como os recursos hídricos.

De igual modo, e co obxectivo de obter un retorno xusto que compense o impacto ambiental e social da explotación eólica, avoga pola participación pública no sector, a través dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura das galegas e os galegos.

"Non imos parar porque nin este espolio nin esta depredación son admisibles; hai alternativa e dende o BNG continuaremos a defendela", resume Presas.

Comentarios