Lamentan o "hermetismo" e "falta de transparencia" do Goberno estatal no expediente contra a prórroga da AP-9

Malia o final do prazo para que o Executivo estatal enviara as alegacións á Comisión Europea polo expediente da prórroga da AP-9, declinaron facer públicos os argumentos para evitar a sanción comunitaria.
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).

Este domingo, 23 de febreiro, rematou o prazo que outorgou a Comisión Europea ao Estado español para presentar alegacións polo expediente aberto pola prórroga na AP-9, que desde Bruxelas consideran ilegal.

O motivo da impugnación da Comisión reside en que as prórrogas de contratos como as que beneficiaron en repetidas veces Audasa teñen que executarse por medio dun novo proceso de licitación pública.

Só a última extensión do contrato, que acabaría coa concesión en 2048 e non en 2023, asinada en 2013 polo Executivo estatal que presidía Mariano Raxoi co Partido Popular, permite a Audasa obter compensacións de 1.465 millóns de euros a cambio de asumir o custo dunhas obras de 228 millóns de euros, revelou a Comisión Galega da Competencia.

Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, apuntou na fin de semana que o Goberno xa enviou a Bruxelas as alegacións en resposta ao procedemento de infracción.

Non obstante, rexeitou informar sobre ningunha das alegacións presentadas, esgrimindo que se trata de “información reservada”.

A asociación de consumidores En Colectivo, que presentou a denuncia perante as instancias comunitarias, lamentou o “hermetismo” e a “falta de transparencia” do Executivo estatal por non comunicar o contido das alegacións, a pesar de que a entidade é parte do procedemento, declarou Diego Maraña, o seu presidente.

Reiterando a sorpresa polas declaracións de Sánchez, Maraña fixo fincapé en que ao remitir as alegacións, comeza un prazo de dous meses para que a Comisión Europea desenvolva un informe vinculante.

Aínda que, en teoría, a Comisión pode optar por seguir coa tramitación do expediente ou arquivalo, Maraña defende que non é posíbel o arquivo, ao manterse o expediente noutra dirección xeral europea, a de Competencia, polo que o organismo tería que agardar que se resolvera ese expediente antes de ratificar o arquivo da causa.

Comentarios