Lama deixa Ciudadanos e blinda Baltar na Deputación

A deputada ourensá Montse Lama militou no Partido Popular até 2019 e logo fichou por Ciudadanos en Xinzo de Limia.
Montse Lama anunciando a súa baixa en Ciudadanos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Montse Lama anunciando a súa baixa en Ciudadanos. (Foto: Europa Press)

A concelleira de Ciudadanos en Xinzo de Limia e portavoz da formación na Deputación de Ourense, Montse Lama, fixo pública hoxe a súa decisión de abandonar o partido laranxa e descarta unha moción de censura contra José Manuel Baltar. Lama sinalou que “esta decisión é renunciar a todo. A unha moción de censura, renuncio a unha vicepresidencia co PP. Vou ao meu sitio, á oposición, a seguir facendo política útil e tentando chegar a acordos, dialogando, cedendo e que cedan. Iso é o que nos piden os cidadáns”.

Lama vinculou a baixa en Ciudadanos coa intención desta formación de apoiar a moción de censura contra Baltar.

“Tomei a decisión de darme de baixa en Ciudadanos. Non vou permitir ser moeda de cambio para fomentar circos mediáticos no medio dunha crise tan gorda”, indicou Lama, quen afirmou sentir “moita vergoña do sucedido estes días.

Non vou consentir ser unha marioneta dun partido que non coñece a realidade da provincia. Non paso por aí. Non vou consentir que o futuro da miña provincia pase por un grupo de xente, dun partido, que non creo que saiba situar Ourense no mapa”.

A antiga portavoz de Ciudadanos na deputación afirmou en relación coa moción de censura que “para min non era unha cuestión de postos. Era cuestión de dar estabilidade. Érame indiferente que ofrezan unha vicepresidencia. Vin desde un segundo plano o que está a ocorrer no Concello de Ourense, un circo mediático. Eu era partidaria de dar estabilidade na deputación, aínda sen vicepresidencia. Ciudadanos era reticente a isto. Buscaba inestabilidade para poder obter algún beneficio no concello. Non vou participar de ningún circo político”, insistiu.

Antiga concelleira e deputada do PP

Lama amosouse moi crítica coa súa antiga formación e tamén co secretario dos socialistas e portavoz na deputación, Rafael Rodríguez Villarino, a quen recomendou que “medite cal é a vocación dun bo político”.

Porén, non é a primeira ocasión na que Lama abandona un partido político, repetindo o acontecido na pasada lexislatura, cando renunciou á súa acta como concelleira e deputada do Partido Popular e deixou a militancia nesta formación por discrepancias co ex alcalde de Xinzo de Limia e home forte do partido na localidade, Antonio Pérez.
 

Comentarios