Lalín, reserva espiritual de Occidente

O PP presenta unha moción ao pleno pedindo que “se recoñezan as raíces cristiáns e católicas” da vila por representar esa relixión “os valores democráticos”. O alcalde, Rafael Cuíña, lamenta un discurso “rancio” e que non ten cabida na constitución.

IMG-20161227-WA0001 (1)
photo_camera Extracto da moción do PP

Esta quinta feira Lalín acollerá un pleno no que se debaterá unha moción do Partido Popular que está a levantar unha boa poeira. Oito meses despois de que o Concello aprobase a moción de aconfesionalidade, os populares piden que “se recoñezan as raíces cristiás e católicas do pobo de Lalín”. Por que? Pois porque, argumentan os populares, estas raíces “representan os valores democráticos de xustiza, igualdade, liberdade e respecto que lamentabelmente non están presentes noutras confesións”. O PP, afondando nesta liña, chega a afirmar no texto da súa moción que “foi o cristianismo” o que “introduciu na historia, como novidade absoluta” a independencia da relixión a respecto do poder político “e viceversa”. O quer non acontece “no Islam”, engaden.

O alcalde de Lalín, en declaracións a Sermos Galiza, lamenta que o PP aposte nun “discurso reaccionario” e en “avivar” prexuízos a respecto doutras confesións. “Xa anunciaran hai dous meses que ían presentar esta moción e agardaron a Nadal porque deben pensar que ía ser máis efectiva”, considera Rafa Cuíña. Lembra que nestes oito meses transcorridos desde a aprobación da moción de aconfesionalidade (“o único que fixemos foi cumprir o que di a constitución”) non houbo ningún problema nin queixa na localidade. E que a porposta que fixo o PP o único que conseguiu foi “deixalos en ridículo” pola repercusión da nova, mesmo a nivel estatal.

A maiores, Cuíña entende que se a oposición do PP centra a súa crítica nestes temas “é o mellor sinal de  que no goberno de Lalín estamos a facelo ben, pois non atopan nada que criticar”. 

Comentarios