O labirinto do PSOE de Lugo: Martínez ten a chave do futuro de Besteiro

A unha semana do pleno que elixiu Elena Candia como presidenta da Deputación grazas a o deputado Manuel Martínez ter decidido non apoiar o candidato do seu partido, o PSOE de Lugo continúa nunha encrucillada na que Besteiro xoga o seu futuro político que, a todas vistas, continúa nas mans do alcalde de Becerreá. 

Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ramón Gómez Besteiro

Desde a pasada cuarta feira, día no que Manuel Martínez rachou a disciplina de partido votando por si propio en primeira volta e en branco en segunda e entregando a presidencia da Deputación a mans do PP, os movementos que se deron no PSOE diríxense cara ao alcalde de Becerreá. PSOE cara Martínez, mais non viceversa. Non só non foi expulso do seu partido despois de ter cometido o que se entende como falta grave senón que entrou a formar parte do grupo do PSOE na Deputación e mesmo deu a súa primeira rolda de prensa na sede local do partido. A dirección que conduce Besteiro semella, con estes episodios, focarse cara ter a Martínez de man para, como xa anunciou, tentar chegar a unha situación propicia para unha moción de censura que lle devolvería o poder do ente provincial. Para o secretario xeral do PSdG-PSOE non está en xogo só o goberno da Deputación senón o seu futuro político e a posibilidade, cada vez máis mermada, de chegar como cabeza de cartel ás vindeiras autonómicas. 

Se a dirección do PSOE provincial se encamiña a convencer a Martínez de que depoña a súa actitude, todo apunta a que o alcalde de Becerreá non se moveu nin un centímetro da súa posición. É dicir, a situación estaría neste momento no mesmo punto que a véspera do pleno no que o PP volveu á presidencia da Deputación de Lugo co deputado que fai a maioría absoluta encirrado no seu desexo de ser máximo dirixente do organismo provincial malia estar imputado, condición que impide o pacto que lle daría o poder ao seu partido. 

"Se a dirección do PSOE provincial se encamiña a convencer a Martínez de que depoña a súa actitude, todo apunta a que o alcalde de Becerreá non se moveu nin un centímetro da súa posición".

Manuel Martínez está imputado desde 2014 e hai mesmo quen xa aventura que a resolución xudicial será a que aclare o futuro político da Deputación de Lugo. Malia iso, no horizonte non hai data aínda para que a situación do alcalde se incline pola libre absolución ou polo encausamento, o que o levaría ao banco dos acusados. Mais, mesmo no caso de que se arquivase a causa que sería , en principio, o que máis favorecería a posibilidade de que puidese optar nunha votación á presidencia da Deputación, son moitas xa as voces que defenden que o martinazo mostrou que non era unha persoa acaída para o cargo. martinez

Despois de moitos anos -estivo xa na oposición a Cacharro, anceiando a presidencia da Deputación- e de ter tomado unha decisión como a de permitir o goberno do PP antes de non ser el quen ocupe o cargo, non parece indicar que a posición sexa fácil de mover. E nesa condición teimuda persoal pode radicar o futuro político de Besteiro para quen a Deputación de Lugo é o único centro de poder que podería controlar, sendo que, mesmo no caso de se chegar a pactos de goberno con presidencias socialistas, a de Pontevedra e A Coruña non estarían baixo o seu control no partido. Besteiro necesita a Deputación porque é o único instrumento que lle garante o poder do partido en Lugo a través dos alcaldes e a única ferramenta que lle permitiría seguir a xogar no taboleiro da política galega. A súa carreira fíxose na Deputación e a súa lideranza depende tamén dela e, para iso, Martínez continúa a ser a peza chave. 

O ascenso de Besteiro nace no propio organismo provincial, cando se erixe no cargo político do PSOE que máis orzamentos manexaba. Despois das eleccións municipais, o PSOE saíu reforzado na provincia mais o revés da perda da deputación sitúa o secretario xeral nun momento especialmente vulnerábel no que tería que manobrar ao xeito para conseguir non sucumbir canda o goberno da Deputación. 

"O ascenso de Besteiro nace no propio organismo provincial, cando se erixe no cargo político do PSOE que máis orzamentos manexaba". 

O martinazo fixo tamén aflorar os conflitos dentro do PSOE de Lugo con tres familias que mantiñan as formas, mais que agora mostran con claridade as súas tensións. Por unha parte, estaría o grupo fiel a Besteiro que xiraba arredor da propia Deputación, logo o conxunto de alcaldes que apoiou Manuel Martínez e fixo que gañase as primarias fronte ao secretario provincial Santín e, finalmente,  o círculo que xira arredor deste último. Neste taboleiro, dous homes fortes do partido en Lugo, José Blanco e o ex-alcalde da capital, Xosé López Orozco, sitúanse tamén fronte a Besteiro, mesmo hai xa quen apunta á posibilidade da aterraxe do ex-ministro que aparecería como salvador en tempo de crise. 

Besteiro perde, Feijóo tamén 

Agora, se Besteiro perde no aceso panorama político de Lugo, tampouco queda en mellor situación o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que perde poder relativo nun partido que viu como a cor azul desaparecía do mapa municipal da provincial, quedando só no goberno de Vilalba de entre os concellos de máis de 10.000 habitantes e Castro de Rei e Outeiro de Rei nos de máis de 5.000. elenacandia

Coa chegada do PP ao goberno de Lugo, Feijóo atópase con dúas presidencias provinciais que non están da súa parte no partido. A filiación de Manuel Baltar é xa ben coñecida, do bando no que Feijóo non se posicionou e ao que venceu na súa carreira cara á Xunta. Por parte de Elena Candia, a ninguén se lle escapa en Lugo a súa relación con Barreiro -que se enfrontou a Feijóo co apoio de Cacharro e Baltar pola candidatura antes de pactar con el ao saberse perdedor- e co propio Cacharro, resucitando un poder territorial que creu ter vencido. 

Entre tanto, o PP de Elena Candia está a dar mostras de que entrou na Deputación para ficar. A anulación, tan só uns días despois de ser elixida presidenta, dun programa cultural xa presentado -da área do BNG- e a eliminación do secretario do organismo -presentada como dimisión-, home de confianza de Besteiro, apuntan a que a loita por se manter promete ser dura. 

Comentarios