Junqueras participa este sábado nun acto político convidado polo BNG

O Hotel San Francisco de Compostela acolle este sábado, a partir das 11 horas, un acto político convocado polo BNG para recibir as delegacións internacionais convidadas ao Día da Patria Galega. A presenza de Oriol Junqueras é a sorpresa da xornada.

Os presos políticos cataláns ao saír do cárcere en 2021 (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Oriol Junqueras, á dereita, o 23 de xuño de 2021, día en que as presas e presos políticos cataláns saíron do cárcere (Imaxe: Kike Rocha / Europa Press).

Como é tradición, o BNG convida aos actos do Día da Patria Galega as delegacións internacionais. Participarán este sábado a partir das 11 horas na recepción convocada pola organización nacionalista galega no hotel San Francisco de Compostela.

Tomarán a palabra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, e Oriol Junqueras, na súa primeira visita á Galiza tras saír da cadea. O ex vicepresident da Generalitat tomará a palabra en representación das organizacións internacionais presentes no acto.

Na xornada, a formación nacionalista galega estará acompañada de organizacións políticas de Euskal Herria -Bildu, Sortu, Eusko Alkartasuna-; de Catalunya -ERC, CUP e Poble Lliure-; do País Valencià (Compromís) e das Illes Balears (Mes).

Tamén participarán representantes das Canarias, Bretaña, Córsega, Occitania, Palestina, Kurdistán, Sáhara e Venezuela, así como as delegacións do PCP e do Bloque de Esquerdas.

O BNG agarda a presenza de máis de 40 delegacións internacionais.

Palestra da Fundación Galiza Sempre

O propio sábado, día 24, a Fundación Galiza Sempre organizará a palestra "Solidariedade e Autodeterminación", a partir das 13 horas desde as redes sociais e a canle de Youtube da entidade.

Tomarán a palabra na conversa Cela, Miranda, Junqueras e Pontón.

Acto en Compostela o domigo

O Bloque Nacionalista Galego recupera a convocatoria dunha manifestación nacional, en Compostela, con motivo do Día da Patria Galega, despois das mobilizacións descentralizadas que decorreron en distintos puntos da Galiza o ano pasado debido á situación de alerta sanitaria.

"Unha Galiza sen límites, cun BNG sen límites" é o lema da formación nacionalista para o Día da Patria Galega de 2021.

A marcha do domingo, que decorrerá de maneira segura, segundo a organización, sairá ás 12 horas da maña da Alameda de Compostela e despois de percorrer diversas rúas da cidade rematará na praza da Quintana, onde pronunciarán os seus discursos o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, e a portavoz nacional da formación, Ana Pontón.

Comentarios