Juárez só ve ''unha cuestión pouco decorosa'' na apoloxía do fascismo feita polo alcalde de Beade e rexeita expedientalo

O delegado do Goberno español na Galiza contestou entre risas ao lle preguntar polas louvanzas que Senén Pousa deitou a Franco e á ditadura. Aliás, o que fora conselleiro do Medio Rural queixouse da "comprensión" cos lumes que hai nas aldeas galegas


"Hai algunhas cuestións que non son moi decorosas nos tempos que corren", respostou entre risas o delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, ao lle preguntar na Radio Galega pola entrevista en que o alcalde de Beade, Senén Pousa, declarado fervente admirador de Franco e do fascismo, loa os 40 anos de ditadura asegurando que "ninguén do PP me recriminou nunca honrar o franquismo".

Polo que se ve, nin llo recriminaron nin o van facer. Se nesta fin de semana o presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, valoraba as súas declaracións como "un chiste", esta terza feira foi Juárez quen respondeu rindo, coma se dun chiste se tratase, e convidou ao alcalde "a reflexionar" sobre o seu posicionamento a este respeito.

Porén, Pousa xa advertiu que "nunca me dixeron nada por pensar así, e mellor porque non acepto imposicións". Adiantou que na formación conservadora "hai moita xente que respira igual ca min, mais despois non din nada", en referencia ás louvanzas deitadas á ditadura.

Cada 20 de novembro, Senén Pousa pagaba unha misa na honra do ditador, ofrenda que deixou de facer "porque viñan os de AMI --Assembleia da Mocidade Independentista-- montar lío na igrexa". Con todo, recalcou que "se me dixesen algo marcharía. Non consinto que me recriminen a miña maneira de pensar". Ao lle preguntar a Samuel Juárez pola pertinencia dunha sanción por parte do PP, este volveu rir e, botando balóns fóra, rexeitou tal posibilidade sinalando que Pousa "non ten ningún cargo no partido".

"No rural non hai conciencia contra os incendios", di o ex conselleiro do Medio Rural

Na entrevista concedida á radio pública galega, Juárez falou tamén dos incendios forestais que están a reducir o País a cinzas. Ao seu entender, as dificultades no avance das investigacións radican en que "a tipoloxía de incendiarios na Galiza é moi ampla". 

O delegado do Goberno español chegou a esta conclusión ao reflexionar sobre a detención dun mozo de Tomiño ao que se lle imputan até 16 incendios. "O caso que me expón é moi ilustrativo porque se non fose porque foi visto prendendo lume sería difícil de crer que este rapaz puidese facer algo así. Estudaba na Universidade e era un rapaz normal", razoou Juárez.

Con todo, foi máis aló nas súas teorías ao redor da problemática dos incendios na Galiza e achacou esta á falta de "conciencia cidadá" que, segundo el, se dá no rural.

"Hai comprensión cos lumes, enténdese que o monte arde e non se lle dá a importancia que ten", subliñou, enfatizando que se trata, efectivamente, dun "problema de conciencia cidadá" pois, segundo el aprecia, "hai unha distancia grande entre a conciencia cidadá nas cidades e no rural, sobre todo no rural máis profundo". Cómpre lembrarmos que, antes de ir para Madrid e ocupar o cargo de delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez foi, xustamente, conselleiro do Medio Rural.

"Por suposto que segue a existir Resistencia Galega"

Como non podía ser doutro xeito, Juárez atizou a BNG e AGE por seren "tibios" na condena do "terrorismo" da organización Resistencia Galega. Malia isto, dixo estar a percibir "unha certa rectificación por parte dalgúns, que é moi sabia pois todos nos equivocamos".

Referiuse á sentenza ditada pola Audiencia Nacional española contra 4 independentistas, condenad@s por "pertenza a banda armada", para reafirmar a súa teoría de que no noso País "por suposto que segue a existir" esa organización "cunhas ideas que pasan por gañar espazo político a costa de infundir temor na poboación". 

Malia que non foi reinvindicado, Juárez atribuiu a RG a colocación dun artefacto explosivo na sede de Novagalicia Banco en Vigo o 13 de agosto, que para el é "a evidencia" de que Resistencia Galega "segue activa, aínda que cada vez máis debilitada".

Comentarios