Leiceaga baralla tamén candidatarse

Juan Díaz Villoslada estuda seriamente ir ás primarias do PSdeG

O deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada, novo nesta lexislatura no Pazo do Hórreo, baralla concorrer ás primarias do seu partido na Galiza. Competiría con Gonzalo Caballero, quen xa anunciou a súa candidatura. Sermos soubo que Leiceaga, portavoz parlamentar, tamén estuda candidatarse.

Schez
photo_camera Juan Díaz Villoslada, con Pedro Sánchez, nun acto do PSdeG

Segundo as fontes consultadas por Sermos, Villoslada sería a opción preferida por Pilar Cancela, a presidenta da xestora, e polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Villoslada, ex xerente da Universidade da Coruña, é un dos referentes do PSdG que se posicionaron con maior clareza do lado de Pedro Sánchez cando este foi forzado a demitir no célebre comité federal de Outubro de 2016.

Naquel momento, e nun post no seu FB, cualificou a derruba de Sánchez de "golpe de man orquestrado por poderes para que o PSOE non se manteña ou recupere posicións autenticamente progresistas e moi seguramente entregue o goberno ao PP. Sinto raiba, impotencia e tristeza polo que estamos a viver no partido".

Congruente con esta posición, Villoslada respaldou a campaña de Sánchez no seu asalto-retorno á secretaría xeral, coroado con éxito ao se impor por unha marxe superior á agardada a Susana Díaz. A vitoria da corrente sanchista foi aínda máis clara na Galiza do que no promedio estatal. 

Neste momento, quen xa ten manifestado con clareza que si estará na carreira é o economista vigués Gonzalo Caballero, defensor tamén da candidatura de Sánchez e que conta co crédito de, nas primarias, ter derrotado as posicións do mesmísimo Abel Caballero na cidade olívica.

Ficaría, en principio, unha eventual terceira opción, a do portavoz parlamentar Xoaquín Fernández Leiceaga, quen tamén está a estudar a hipótese de se apresentar.

Comentarios