José Tomé, presidente da Deputación de Lugo e Maite Ferreiro vicepresidenta após o acordo PSOE-BNG

Os 13 votos de PSOE e Bloque superaron os 12 do PP. Os deputados nacionalistas prometeron o seu cargo por imperativo legal.

deputacion lugo

José Tomé xa é o novo presidente da Deputación de Lugo após un pleno de constitución da entidade provincial que transcorreu sen sorpresas após o pacto acadado esta cuarta feira entre PSOE e BNG. Ambas as dúas formacións suman 13 representantes por 12 do Partido Popular.  A nova vicepresidenta da Deputación é a nacionalista Maite Ferreiro, que tamén asume a área de Cultura.

O xa presidente e tamén alcalde de Monforte tomou posesión nun ateigado Paraninfo de San Marcos e perante a presenza, entre outros, do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e dos anteriores presidentes socialistas da entidade provincial: Gómez Besteiro e Darío Campos.

Os tres deputados nacionalistas tomaron posesión do seu cargo prometendo por imperativo legal.

O acordó entre PSOE e BNG enmárcase para as nacionalistas na liña dos pactos levados a cabo para a consecución dos gobernos das deputacións da Coruña e Pontevedra e que se basearon nos principios de adelgazamento destas institucións para outorgar maior poder real aos concellos e en impulsar un proxecto de transformación social.

Así mesmo, entre as medidas transversais que inclúe este acordo está afianzar o principio de cooperación institucional, garantir os principios de ética e transparencia na gobernación pública da institución, aplicar a normativa do uso da lingua galega e mellorar os recursos existentes para "desenvolver unha verdadeira política de normalización lingüística", ou garantir o uso da linguaxe inclusiva e da perspectiva de xénero.

O PSdeG encargarase das áreas de promoción económica e social, innovación e TIC, participación cidadá e transparencia, xestión territorial e parque móbil, goberno interior, asuntos xerais e formación, economía, recadación, facenda, promoción do territorio e turismo, cooperación e asistencia aos concellos e medio ambiente.

Pola súa banda, o BNG xestionará deportes, cultura, patrimonio histórico e artístico, artesanía e deseño, normalización lingüística, medio rural, mar e mocidade.

Comentarios