Mujica: "Nun país do terceiro mundo como Uruguay un frente político 'policlasista' é umha necesidade"

Nunha entrevista no Galicia por diante, o presidente do Uruguay lanza un chamado a Europa para que "non lles rouben a liberadade" e asegura que "nun país do terceiro mundo" como Uruguay o seu "obxectivo é o desenvolvemento" mais sen que "a sociedade do consumo" nos sugue. "Hai que dedicarlle tempo á vida". Imaxes: Riobó Prada

José Mújica, na súa visita a Galiza [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera [Imaxe: Riobó Prada]

Din del que é "o presidente pobre". Vive na súa morada familiar. Sen luxos, cun tractor e un vello Beatle, acompañado da súa dona e dun can coxo. A maior parte do seu salario convérteo en doazóns para políticas sociais e racha coa protocolaria imaxe dun xefe de Estado. "Eu co que teño son rico", afirma con rotundidade, "para que quero salario?". Os pobres, di, "son os que precisan moito e non lles chega nada". 

Non cre en Deus.O seu pasado remóntase ao movemento guerrilleiro de liberación nacional Tupamaros. Recoñécese marxista mais, sobre todo, "libertario". Non é "cento por cento estadista" mais o seu horizonte "é socialista". Cre nunha sociedade "autoxestionada" e nunha "economía manexada pola xente que traballa" e non ao servizo do capital do que di "os banqueiros" fan "o asalto [roubo] máis grande" e "nós vivímolo" recoñece. 

"Veño dun país do terceiro mundo que loita para se liberar"

José Mujica racha co perfil de mandatario e representa un bo exemplo das mudanzas que está a viver América Latina. Encabeza un dos procesos de transformación que puxeron fin a décadas de expolio e neocolonialismo ianqui en Latinoamérica. Vén dun país "do terceiro mundo", afirma, cuxo obxectivo é "alcanzar o desenvolvemento". Mais na súa mente esa progresión debe rachar cunha "sociedade de consumo" que "nos rouba a liberdade", denuncia. 

"Son un pouco marxista e cento por cento libertario e o meu horizonte é o socialismo"

Após catro anos como presidente do Uruguay, José Mujica defende o Frente Amplio co que gañaron as eleccións en 2009 desbancando o bipartidismo dos partidos Blanco e Colorado. Un frente, afirma "que pasa dos 40 anos" e se asenta no "policlasismo" malia "todas as contradicións". Unha organización que combina "empresarios e obreiros" e se asenta nunha "unidade" que é ao tempo "inconveniente" e "grandeza". 

Mujica, afirma que o Fente Amplio "non rachará" porque "os feitos demostraron que quen se separa do cardume, perde" e iso, nun país "que loita pola súa liberación", di, non é unha opción. "A política debe dar solucións aos problemas do máis acó" e non "construír utopías" no alén, para iso, afirma "está a relixión". 

Comentarios