28-M

José Manuel Sande, alcaldábel de Por Coruña, pon o foco na vivenda de cara ao 28-M

"A vivenda é un dos problemas máis sinalados polas coruñesas e coruñeses", segurou Sande.
José Manuel Sande esta segunda feira (Foto: Por Coruña).
photo_camera José Manuel Sande esta segunda feira (Foto: Por Coruña).

José Manuel Sande, candidato á Alcaldía da cidade herculina de Por Coruña, a coalición de unidade conformada por Podemos, EU, Alianza Verde e independentes, sinalou esta segunda feira en Novo Mesoiro que a entrada da súa forza no vindeiro Goberno local servirá para aplicar de modo contundente a Lei de Vivenda, coa que declarará A Coruña unha “zona tensionada”.

Esta ferramenta, explica Sande, permitirá topar os prezos do alugueiro, que nos últimos anos subiron varios puntos porcentuais, facendo que centos de familias coruñesas teñan que facer un esforzo económico maior para pagar a renda dos mesmos.

“Probelma”

“A vivenda é un dos problemas máis sinalados polas coruñesas e coruñeses, non existindo unha oferta apropiada e a que está agora no mercado ten uns prezos claramente inflados. Por exemplo no barrio de Novo Mesoiro chegan a existir propostas superiores aos 700€ ao mes, unha cantidade que xa se fai costa arriba para ducias de familias”, asegura o candidato.

“A Coruña é a cidade galega onde máis subiu o alugueiro segundo datos do Observatorio da Vivenda da Galiza, superando 20% e obtendo picos máis elevados segundo o distrito do que se trate, polo que Por Coruña traballará desde María Pita para a inmediata declaración de “zona tensionada” que posibilite topar os prezos e estabelecer medidas de apoio á veciñanza”, acrecenta Sande.

Vivendas baleiras

José Manuel Sande finalizou lembrando que a solución non é construír sen unha ordenación racional, xa que existen milleiros de vivendas baleiras da cidade ás que se lles podería dar uso con alugueiro taxado, rendas adaptadas aos colectivos vulnerábeis e mocidade, e mesmo incorporar impostos para quen trate de especular en forma de piso turístico.

Comentarios