José Blanco non desobedece a Madrid e dille a Pachi Vázquez que "non se pode xerar frustración"

O ex titular de Fomento é o único dirixente do PSdG que non apoia as primarias convocadas polo secretario xeral para o 1 de xuño. O presidente da formación na Galiza, López Orozco, apoia a consulta
photo_camera [Imaxe: PSdG]


O desafío a Madrid que este sábado consumou o secretario xeral do PSdG, Pachi Vázquez, ao fixar para o 1 de xuño as elección primarias en que as bases do partido escollerán quen ostentará a secretaría xeral non terá o visto e prace do ex ministro José Blanco.

Deixouno claro na súa intervención no Hotel Porta do Camiño, en Compostela, onde a formación celebra o seu Comité Nacional.

Así as cousas, Blanco agarrouse ás teses de Madrid e, en castelán, afirmou que "se alguén quere mudar as regras que o diga" mais, sen rexeitar as primarias, insistíu en que "o que non se pode é xerar unha frustración facendo cousas que non se corresponden coas normas".

O lucense referiuse así aos estatutos do PSOE, que non contemplan a posibilidade de que a militancia escolla @ secretari@ xeral do partido, senón unicamente @s candidat@s aos procesos electorais.

Porén, Pachi Vázquez insistiu máis dunha vez no discurso de apertura do Comité que "non hai un só renglón nos estatutos federais nin nos galegos que diga que non podemos consultar a militancia" e apelou á "vontade de entendemento" da Executiva española porque "Madrid ten que entender que se están a mover cousas".

A súa opinión partíllana outros nomes destacados do PSdG. Así, o presidente do partido en Galiza e alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, reclamou "máis democracia" como maneira de apoiar as primarias convocadas por Vázquez; e o ex ministro de Xustiza e actual secretario xeral do PSdG na Coruña, Francisco Caamaño, enfatizou que "os estatutos non impiden consultar á militancia cales son os seus desexos".

Comentarios