Jorquera enfatiza que o BNG aposta na unidade do nacionalismo "paso a paso"

Francisco Jorquera asegura que as teses do apostan na construción da unidade do nacionalismo "paso a paso" e a través da apertura de espazos de confluencia con outras organizacións soberanistas.
Fracisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG
photo_camera Fracisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG

Nas vésperas da Asemblea Nacional do BNG (este domingo, Santiago de Compostela, Pazo de Congresos), o portavoz parlamentar da organización frontista --e número 3 da candidatura que se presenta ao Consello nacional-- asegurou que as teses políticas que se debaterán no conclave amosan unha "vontade clara" de alicerzar "espazos de cooperación e confluencia con outras organizacións nacionalistas".

Neste senso, Francisco Jorquera asegurou que existen "outras formacións nacionalistas actuantes" coas que a organización frontista aspira a construír a "unidade do nacionalismo". O portavoz salientou que o obxectivo do Bloque foi sempre "ser a casa do nacionalismo galego" e que, neste senso, os textos aprobados no proceso de reflexión interna procuran tecer pontes "paso a paso" abrindo espazos "de cooperación" entre @s nacionalistas.

Inquirido pol@s xornalistas a respecto de se esas pontes se encamiñarían a procurar puntos de encontro con Anova, o voceiro nacionalista no Parlamento asegurou que a dirección política que saia eleita da Asemblea nacional deste domingo terá como horizonte "pór en práctica as propostas políticas e organizativas que recollen as teses", mais rexeitou a tese segundo a cal a escolla do candidato á portavocía nacional -Xavier Vence- responde a intereses de aproximación coa formación liderada por Xosé Manue Beiras. Desde o BNG manteñen unha aposta firme pola procura de espazos de acción combinados con outras organizacións --como reflectiu a convocatoria conxunta dunha manifestación soberanista na que, por certo, Anova non participou. Neste senso, o voceiro nacionalista amosou unha perspectiva máis ampla, para alén das formacións xurdidas após as escisións do BNG.

Un tempo novo
En resposta @s xornalistas, Jorquera dixo que a Asemblea nacional "marcará un novo tempo" do que o BNG agarda saír "reforzado e fortalecido". O nacionalista amosouse satisfeito e congratulado polo "masivo apoio ás teses de debate" que a organización frontista submeterá á consideración da súa militancia e salientou que a candidatura que concorrerá á elección do Consello nacional, a Executiva e a portavocía nacional do Bloque "acadase un respaldo tan significativo" entre a dirección da organización.

Comentarios