Jorquera ve no informe dos "sabios" un "atraco fiscal" e Feijóo opta por distanciarse del

Debate sobre política fiscal no Parlamento. O portavoz do BNG interpelou ao presidente da Xunta sobre que pensaba o seu goberno a respeito do informe elaborado polo Comité de Sabios, unha análise que o Executivo Rajoy vai ter en conta á hora de lanzar a súa nova reforma fiscal. Feijóo estivo evasivo. Presionado por Jorquera, chegou a dicer: "E a min que me importa o informe da Comisión de Expertos?".

jorquera_feijoo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Francisco Jorquera [Imaxes: SG]

Jorquera non deixou dúbidas sobre o que lle parece ao BNG o informe do chamado Comité de Sabios. Representa, dixo, un "auténtico atraco fiscal" ao prever a redución dos tramos altos do IRPF e beneficiar as fortunas ao suprimir o imposto de patrimonio. Aliás, os "expertos" preconizan máis unha suba do IVE e a redución do imposto de sociedades.

Quixo saber Jorquera que pensaba facer Feijóo para que o Goberno Rajoy non asumise as propostas do que cualificou como "comité de listillos", medidas que todas elas irían na dirección de "anular o noso autogoberno e atracar a nosa facenda.

Enfatizou o portavoz nacionalista que o Comité de Sabios atenta contra os intereses das e dos pensionistas galegos: "Somos a comunidade con maior porcentaxe de pensionistas do Estado español e coas pensións máis baixas e o Comité de Sabios propón reducir as cotizacións empresariais á Seguridade Social, pondo en perigo o sistema público de pensións".

Alargou a cuestión Jorquera ao eido do financiamento da comunidade autónoma e, ante o debate que se aveciña, inquiriu a Feijóo se algunha vez vai defender os intereses de Galiza perante o goberno central porque "a súa submisión a Madrid sáelle moi cara a Galiza".

Salientou ainda que o Goberno galego asinou no seu día unha "reforma do sistema de financiamento" que comportou para Galiza a "perda de 1.000 millóns de euros".

Resposta de Feijóo

O presidente do Goberno galego non se achou especialmente cómodo no debate e, de feito, optou por tomar distancia a respeito das recomendacións do comité de sabios [cuxas propostas, aliás, teñen provocado un confronto entre o ministro de Facenda e o de Economía].

"E a min que me importa o comité de expertos!", exclamou enfático Feijóo, quen se esforzou en esclarecer que as súas propostas non o son aínda do Executivo Rajoy.

Sobre o financiamento, dixo que Galiza se oporía contundentemente a calquer proposta que reducise a capacidade financeira do País.

Comentarios