#DEBATENACIONGZ14

Jorquera: ‘’Temos que tronzar a dependencia’’; Feijóo: ‘’Temos máis autonomía que Escocia”

O portavoz do BNG acusou o presidente de non ter “nin proxecto de goberno nin de país”, desde AGE apelouse á unidade en chave de “rebelión cidadá” e o PSdeG reprochou a Feijóo non facer nada polo presente e futuro de Galiza.

Alberto Núñez Feijóo e Francisco Jorquera
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Francisco Jorquera

Tarde de intervencións dos catro grupos da oposición, réplica do presidente da Xunta e contra-réplicas. Máis de catro horas longas de debate. Fronte ao discurso de “fantasía” de Núñez Feijóo na sesión da mañá, na quenda de tarde os diferentes grupos foron debullando a realidade do país que non estivo presente horas antes nas palabras do mandatario galego.

Francisco Jorquera comezou poñendo os puntos sobre os íes: “Señor Feijóo, despois de escoitalo pola mañá teño a impresión de que non fala da Galiza na que eu vivo: 300.000 persoas no paro, 56.000 en risco de exclusión, 100.000 mozos a emigrar.... Nesta Galiza seis de cada dez familias teñen serias dificultades para chegar a fin de mes". O portavoz parlamentar do BNG emprazou ao goberno galego a dar un “xiro radical” nas políticas para así poder crear emprego e recuperar dereitos e servizos. Algo imposíbel da man de posturas centralistas (o portavoz parlamentar lembra que na historia de España o centralismo vai da man dos recortes de liberdades. "Vostede está ao servizo da anulación de Galiza como país"). Jorquera exixiu a Feijóo que tronzase coa dependencia. “Non ten proxecto de goberno nin ten proxecto de país", espetoulle, á vez que lembraba que co actual sistema de financiamento Galiza perdeu máis de 6.500 millóns de euros.

"Non pararemos até que os dereitos de Galiza se vexan recoñecidos"

Defendeu o nacionalismo (“mentres exista Galiza, existirá o nacionalismo” ) e pediu a Feijóo que se deixase de criticar e atacar o proceso catalán. "Nós non pararemos até que os dereitos de Galiza se vexan recoñecidos" afirmou.

“Mentres exista Galiza, existirá o nacionalismo” 

Pola súa banda, Núñez Feijóo fixo unha defensa das institucións xurdidas da Transición e do modelo territorial derivado da mesma. Cargou contra o soberanismo (“temos máis competencias que Escocia” “non hai nada que envexar a Escocia”), tarefa na que contou co apoio de Pedro Puy, portavoz do PPdeG: “O dereito a decidir non se pode atribuir unilateralmente a unha comunidade autónoma, Do mesmo xeito que unha comunidade non se pode ir, as outras non a poden botar". Jorquera replicou que o PP está nun proceso de "deconstrución do auto-goberno" para facer de Galiza unha simple autonomía administrativa. "Dannos coa Constitución española na cabeza", sinalou.

“Arde o país e nós a discutir de quen é a mangueira”

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda apelou á unidade das forzas políticas que desexan dar un xiro á actual situación. Sinalou que as organizacións políticas teñen que ser “ferramentas ao servizo da rebelión cidadá e non relear entre nós”. Puxo entón o exemplo da frase dun seu amigo: "arde o país e nós a discutir de quen é a bandeira" para facer énfase na necesidade de sumar forzas ás marés cidadás.

Xosé Manuel Beiras sinalou a "indefensión" do pobo galego perante os grandes poderes financeiros sen ningún tipo de "control democrático". E cargou contra o PP porque impide o dereito a decidir dos pobos “e dos traballadores, e das mulleres, e dos labregos...”.

As organizacións políticas teñen que ser “ferramentas ao servizo da rebelión cidadá e non relear entre nós”, di Beiras

"Mentres en Euskadi e Catalunya na autonomía gobernaron forzas propias, en Galiza gobernaron as sucursais da dereita e fixérono como os sipaios", engadiu.

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, Méndez Romeu, considerou que o goberno de Feijóo fracasou nos tres grandes retos que tiña por diante: crear emprego, reducir a desigualdade e poñer fin ao empobrecemento da poboación. "Vostede está máis interesado en servir aos intereses de Génova que aos de Galiza".

Comentarios