Xunta de Voceiros

O PP veta a proposta do BNG de cambios na lei electoral para ir a máis debates na CRTVG

A xunta de voceiros desta terza feira estivo protagonizada pola densidade do próximo pleno que se desenvolverá entre o 12 e o 13 de xullo, con 33 temas a debatir entre os que se atopan catro proxectos de lei. Por outra banda, a negativa do PP a aceptar unha reforma na lei electoral impedirá un novo regulamento nos debates electorais en medios públicos.

Franciico Jorquera comparecendo no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Francisco Jorquera comparecendo no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin

O pleno da próxima semana pode ser o último, antes da disolución do Parlamento previa ás eleccións galegas que, segundo indicou Alberto Núñez Feijóo esta semana, serán nunha data próxima ao 20 de outubro. A proximidade do final das sesións plenarias e da lexislatura, provocou a acumulación de tarefas e propostas dos distintos grupos. A vindeira sesión comporase dun pleno extraordinario para a elección de senadores e doutro ordinario que comezará coa escolla dos membros para a renovación do Consello Social da Universidade da Coruña.

Entre as proposicións dos grupos parlamentares, figura a iniciativa do BNG para a modificación puntual da lei electora, unha reforma que eliminase o envío de papeletas ás casas das galegas, o chamado mailing, ao tempo que garantise os debates de candidatas e candidatos a presidencia da Xunta, nos meios de titularidade pública, en horarios de máxima audiencia. Esta proposta foi denegada polo Partido Popular, debido á cercania das elección galegas, segundo argumentou Pedro Puy. Jorquera explicou que “con esta proposta non pretendiamos unha reforma global da lei electoral, como xa ten proposto o BNG no seu día, para avanzar na proporcionalidade”, senón que a súa pretensión era a de actualizar a lei ás demandas sociais do momento: “Esta proposta pretende corrixir un aspecto totalmente caduco da lei electoral vixente que só contempla a emisión de espazos de propaganda electoral gratuita.”

Jorquera: “O Partido Popular tennos acostumados a un uso totalmente partidista da CRTVG”

Pola súa parte, Puy referiuse á cercanía das vindeiras eleccións galegas: “O Código de boas prácticas do Consello europeo di que non se deben modificar leis electorais no ano previo ás eleccións”. Ademais, Pedro Puy indicou que as ditas modificacións provocarían unha “mala imaxe de saúde democrática”. Porén, neste senso o argumento do BNG era que non se trataría dun cambio profundo senón dunha actualización, para impedir “o uso totalmente partidista da CRTVG ao que nos ten acostumados o Partido Popular.”

Antón Sánchez: “O método de escolla do candidato debe ter un amplo grado de respaldomais non está oficialmente definido cal será”

Á marxe desta proposta, Antón Sánchez, voceiro parlamentar de AGE, respondeu ás cuestións a respeito da escolla do futuro candidato de En Marea para as próximas eleccións galegas: “Hai que afrontalo xa”, dixo Antón Sánchez ante a ausencia dunha persoa que encabece a súa candidatura á Xunta de Galiza. Ante a posibilidade da realización de primarias no seo da formación, Sánchez respondeu que “o método de escolla do candidato debe ter un amplo grado de respaldo”, mais matizou que “non está oficialmente definido”.

Pola súa parte Patricia Vilán, voceira do PSdeG, propuxo a formación dunha Comisión de Estudo da Memoria Histórica que foi desestimada polo Partido Popular. Vilán reclamou unha “política de xestos” por parte dos populares que axude a condenar definitivamente a ditadura franquista, ante o que Pedro Puy argumentou que "non deberían facerse xestos, senón accións prácticas”, polo que a comisión deberá esperar á proxima lexislatura. Neste senso o BNG propuxo á mesa parlamentar un acto conmemorativo, no 18 de xullo, con motivo dos 80 anos do golpe de estado fascista e o levantamento dun monumento en lembranza ás vitimas.

Comentarios