Jorquera: “Nas galegas ten que haber unha candidatura de orientación nacionalista”

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, considera que Galiza precisa dunha candidatura de orientación nacionalista de cara aos comicios galegos e, sobre a situación do Bloque, aposta nunha organización máis permeábel á sociedade.

[Imaxe: Francisco Jorquera]
photo_camera [Imaxe: Radio Coruña]

Nunha entrevista concedida a Radio Coruña-Cadena Ser, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, puxo de manifesto que “para Galiza é bo que haxa unha candidatura cunha clara orientación nacionalista” nas eleccións galegas que se convocarán este ano. Jorquera engadiu que a candidatura nacionalista deberá “ter a vontade despois” de chegar a acordos coas “forzas progresistas” co fin de conseguir derrotar o PP.

Preguntado sobre se o BNG decidirá na Asemblea Nacional como concorrerá aos comicios, Jorquera sinalou que é “fundamental” que na Asemblea Nacional se discuta sobre cuestións como  as adecuacións que o Bloque debe introducir na organización e tamén na relación coa sociedade. “A fórmula de concorrencia é unha cuestión máis e non pode ser o centro de debate”, expuxo.

Galiza precisa dun proxecto nacionalista diferenciado

Ademais, sobre unha posíbel integración do BNG en En Marea, advertiu de que a última palabra é a dos militantes, mais “ninguén formula o debate neses termos, senón na confianza de que Galiza precisa dun proxecto nacionalista diferenciado”. Engadiu que se analiza En Marea “chego á conclusión de que é unha coligazón nucleada e hexemonizada por unha forza estatal" que responde a esa forza estatal. Puxo como exemplo a integración dos deputados e deputadas de En Marea no grupo parlamentar de Podemos ou a falta dun protagonismo diferenciado na negociación do novo goberno.

Unha forza permeábel á sociedade

En relación á situación do BNG, avogou pola posta en valor “do moito e ben feito” pola formación frontista ao longo dos seus máis de trinta anos de existencia. “Temos que analizar os cambios a producir, o xeito de relacionarnos coa sociedade e de organizarnos para resintonizar con aquela parte do pobo que tiña o BNG como un referente”, salientou, insistindo na necesidade de facer do Bloque unha organización máis permeábel á sociedade.

A respeito da refundación, Jorquera explicou que serán os militantes quen decidan “libre e democraticamente” a súa magnitude. “Hai que abordar o debate sen cancelas e tabús e esa é a disposición para afrontar a Asemblea Nacional”, sinalou o nacionalista.

Na mesma liña, o portavoz parlamentar deu conta do que cualificou como “situación paradoxal” do BNG: é considerada como a organización máis democrática e transparente por axencias de cualificación, mais a sociedade non ten esa visión da formación frontista. “Temos que reflexionar sobre os porqués e temos que estudar as formas de conseguir unha organización máis permeábel”, indicou.

"É necesario un discurso máis pedagóxico"

Tamén afirmou que hai “cuestións do discurso a mellor”. Así, admitiu que o BNG é concibida como forza moi útil para criticar mais non é quen de xerar ilusión coas alternativas que propón. “É necesario un discurso máis pedagóxico”, apuntou Jorquera, quen aposta en “introducir certa gradualidade nas propostas políticas, diferenciando as de pequeno e longo prazo”.

Sobre a renovación, explicou que a Asemblea Nacional do 28 de febreiro renovará o Consello Nacional e elixirá o portavoz nacional, que é quen vai representar organicamente o BNG. A escolla de candidatos e candidatas, engadiu, terá lugar nun tempo posterior, unha vez se abra o período correspondente.

Comentarios