Jorquera: “Galiza non pode quedar fóra da segunda Transición que se está a abrir”

O portavoz parlamentar do Bloque cre que o Estado terá que “mover ficha” tras o 9-N e tamén lembra que o BNG “segue a ser a forza referencial do nacionalismo galego”. 

Jorquera
photo_camera Jorquera

Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, sinalou nunha entrevista na Radio Galega que o Goberno estatal "non terá máis remedio que mover ficha" após a ampla mobilización que ten lugar este domingo en Catalunya que, na súa opinión, "é a demostración de cando un pobo ponse en marcha para defender os seus dereitos, ese pobo é invencible". “Estase abrindo unha segunda Transición no Estado, da que Galiza non pode quedar fóra”, engadiu. 

"Os que deixaron o BNG só fragmentaron o espazo do nacionalismo, como os feitos están a demostrar"

O dirixente nacionalista -que criticou o feito de que Podemos non se presente ás municipais- tamén se referiu aos movementos no taboleiro político de Galiza, sobre o que declarou que “os feitos están evidenciando que os pasos que deron colectivos que no seu momento optaron por deixar o BNG o único que fixeron é debilitar e fragmentar o nacionalismo e abrirlle espazos a forzas estatais que practicamente non tiñan incidencia", apuntou.

"Eu son o portavoz dun grupo parlamentario con sete deputad@s, hai outros dous deputados dunha forza que se denomina nacionalista como Anova e agora outra deputada dunha forza que tamén se denomina nacionalista como é Cerna", recordou antes de considerar que isto é "a maior demostración de que o BNG sigue sendo a forza referencial do nacionalismo".

Comentarios