O Bloque exixirá que se denuncie a "inconstitucionalidade" do re-pagamento farmacéutico nos hospitais

O BNG avanza que fará do debate sobre o estado da nación unha "confrontación de modelos" e que non contribuirá, dixo o seu portavoz parlamentar, a facer da Cámara "un circo e un espectáculo".

Jorqui
photo_camera Francisco Jorquera [M. Montero]

O voceiro do Bloque no Parlamento galego, Francisco Jorquera, avanzou esta segunda feira en conferencia de imprensa cales serán os eixos arredor dos que xirará a súa intervención no debate do estado da nación. Así, o portavoz parlamentar nacionalista asegurou que promoverán a confrontación dos modelos que representan BNG e PP ao tempo que subliñou, non contibuirán á "estratexia" do presidente da Xunta que, dixo Jorquera, "conduce á irrelevancia política de Galiza" facendo do goberno da Xunta "unha xestoría" de Madrid.  

Jorquera: "Feijóo conduce á irrelevancia política de Galiza converténdoa nunha xestoría de Madrid"

Pois para o grupo parlamentar do Bloque, sinalou Jorquera, Alberto Núñez Feijóo pretende facer do poder lexislativo "un circo e un espectáculo" razón pola que, din, promoverán un "debate serio e rigoroso". 

Inconstitucionalidade do re-pago farmacéutico nos hospitais
Neste senso, salientou o voceiro do BNG, a súa formación procurará visibilizar que as políticas do PP son "ruinosas" para Galiza. "Faremos escoitar na Cámara a voz da rúa e dos problemas" das maiorías sociais, sinalou Francisco Jorquera. Neste senso, avanzou que o seu grupo exixirá a presentación dun recurso de inconstitucionalidade ao re-pagamento de fármacos hospitalarios que vén de aprobar o executivo de Alberto Núñez Feijóo. Unha medida, denunciou Jorquera, "antisocial" que se suma a outros "re-pagamentos" como o dos comedores escolares ou dos medicamentos a pensionistas. 

Así mesmo, @s nacionalistas amosáronse moi crític@s pola suba dos carburante logo da aprobación do denominado "céntimo sanitario". Fracisco Jorquera tildou a medida de "regresiva" e asegurou que reflicte a estratexia do Partido Popular toda vez que gravan con "impostos indirectos" as rendas do traballo en troca de, como defenden desde o BNG, "que pague máis quen máis ten". 

"Non agardamos nada de Feijóo"
En comparecencia de imprensa o portavoz parlamentar do Bloque recoñeceu "non agardar nada" do presidente da Xunta no debate que comezará esta tarza feira e que se prolongará até o vindeiro 17 de outubro. De Feijóo, dixo, "non se pode agardar nin unha má palabra nen unha boa obra". 

Comentarios