Jorquera chama a Méndez "o Rodrigo Rato galego" e di que se levou 19 millóns de euros

O ex director xeral de Caixa Galicia culpou ao seu persoal da estafa das preferentes, negou a desfeita inmobiliaria, calou sobre a colocación de familiares en cargos directivos e non aclarou as cantidades cobradas ao deixar o seu cargo -o BNG di que foron case 19 millóns de euros- na súa comparecencia ante o Parlamento

José Luís Méndez
photo_camera José Luís Méndez, exdirector de Caixa Galicia [Imaxes OR]

Cualificado polo voceiro do BNG como “o Rodrigo Rato galego”, o ex director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, compareceu ante a Comisión parlamentar que investiga o desmantelamento das entidades de aforro galegas emulando e mesmo ampliando os aires de superioridade e desleixo á Cámara que unhas horas amosara o outro “señor das caixas”, Julio Fernández Gayoso. Ao igual que o vigués, Méndez preferiu o mutismo e apenas ofreceu explicacións claras sobre os múltiples escándalos que remataron coa desaparición das entidades. De feito, con xesto ausente, Méndez rexeitou calquera responsabilidade persoal e non dubidou en botar balóns fóra, mesmo acusando aos seus traballadores ou simplemente negando ou calando ante as preguntas d@s parlamentari@s. 

O antigo máximo dirixente de Caixa Galicia, que sempre se expresou en castelán namentres se escoitaban de fondo algunhas protestas de afectad@s polas preferentes, defendeu que eses produtos bancarios tóxicos “comercializáronse de forma correcta”, dixo que baixo o seu mandato “non houbo casos de abuso” e remitiu a unha circular da dirección na que ditaba as directrices da venta de preferentes, polo que acusou aos traballadores da caixa das posíbeis irregularidades, que se produciron durante o seu mandato a pesar de que declarou que con el “non houbo problemas”. “Non me sinto culpábel”, chegou a dicir. 

Segundo a súa versión, Méndez tampouco tivo nada que ver co resultado de fusión das entidades galegas, malia que si recoñeceu que estudou a creación dunha SIP, sen aclarar se esta era na práctica unha absorción pola logo quebrada Caja Madrid, como afirmou o BNG. Si asumiu o ex director xeral de Caixa Galicia que a mediación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resultou fundamental para que aceptasen a fusión, que finalmente acabou en fiasco. 

Que Méndez acudía á Cámara con escasas ganas de ofrecer explicacións fíxose evidente dende as súas primeiras frases, cando indicou que nada podía dicir sobre o sucedido despois do abandono do seu posto en setembro de 2010

Que Méndez acudía á Cámara con escasas ganas de ofrecer explicacións fíxose evidente dende as súas primeiras frases, cando indicou que nada podía dicir sobre o sucedido despois do abandono do seu posto en setembro de 2010 -como se a súa herdanza non tivese nada que ver coa queda da entidade- e tamén aludiu á confidencialidade do seu retiro para non dar a coñecer todo o que sabe. 

Sobre as esaxeradas xubilacións que se concederon os directivos, Méndez asegurou que el non cobrou indemnización senón que rescatou “uns plans de pensións” que definiu como “dereitos contraidos”. Tampouco respondeu nesa cuestión ao grupo nacionalista, que apuntou que tería saído da caixa “por imposición do Banco de España e levándose 18 millóns e medio de euros”. Nesa liña e dentro da súa xeira de silencios, negativas ou inocencias, o ex director xeral de Caixa Galicia incluso desmentiu que as desorbitadas inversións inmobiliarias tiveran algo que ver co desastre final da entidade. 

Francisco Jorquera, do BNG, foi quen abriu a quenda de intervencións dos voceiros das distintas forzas políticas con duras críticas cara a xestión e a actitude de Méndez, ao que lle lembrou que “os seus aires de grandeza acabaron destruíndo” o músculo financeiro galego. Amosou o nacionalista a súa indignación polo feito de que o ex banqueiro -polo seu comportamento- chamase “grupos de presión” ás plataformas de afectad@s polas preferentes (“vostede si que sabe de grupos de presión”, díxolle) e polo perigo de que o patrimonio artístico das antigas caixas entre agora na moi probábel venta de Novagalicia Banco. Así mesmo, acusou a Méndez de xogar á ruleta da burbulla inmobiliaria, especialmente coa desaparecida Fadesa, e tamén de nepotismo por “crear unha dinastía, outorgándolle altos cargos a dous dos seus fillos”. Non atopou resposta nestas relevantes cuestións. 

Sobre as esaxeradas xubilacións que se concederon os directivos, Méndez asegurou que el non cobrou indemnización senón que rescatou “uns plans de pensións” que definiu como “dereitos contraidos”

Pola súa parte, Yolanda Díaz, de AGE, volveu queixarse do “pacto tácito” que “converte esta Comisión nun paripé” e, ao igual que lle dixo pola mañá a Gayoso, proclamou que o desexo da cidadanía sobre Méndez “é velo diante dun tribunal”. “Malia a súa arrogancia, vostede pediu protección para acudir a este Parlamento. Que faría para ter medo a acudir á cámara de representación d@s galeg@s?” preguntou Díaz, que cualificou a directiva de Caixa Galicia como “cova de Alí Babá” e culpouna do “mercadeo das preferentes”. 

Polo PSOE, Juan Carlos González Santín puxo en dúbida o números que presentaban as caixas, “posto que non se entende como pasan en dous anos de ter beneficios a un patrimonio negativo de 9.000 millóns”. Pedro Puy, do PP, dixo crer na súa “boa vontade” pero solicitou de Méndez que pedise desculpas pola venta de preferentes. Só conseguiu unhas moi tímidas, ao remate da sesión, que deixaron a sensación de ser máis por formalidade que por convencemento. 

Comentarios