Jorquera chama ao 21-O para frear as políticas do PP e crear un dique contra os recortes

Nun almorzo cos medios de comunicación, o candidato á presidencia da Xunta de Galiza polo BNG salientou que o goberno elixido nas vindeiras eleccións nacionais debe frear a ofensiva de recortes promovida desde o Estado español.

Jorquera Caselas falou esta cuarta da “terríbel herdanza” que o goberno de Feijóo deixa a Galiza pois asegura, “o único balance que se pode facer é o dun goberno fracasado”.

A pegada de Núñez Feijóo
Francisco Jorquera desmontou c@s xornalistas algunhas das cuestións que o Partido Popular leva por bandeira na campaña electoral. Entrementres Núñez Feijóo aseguraba a pasada semana que Galiza era o territorio máis solvente do Estado español, Jorquera lembrou que nestes tres anos de lexislatura a economía galega diminúe máis que a media estatal e incrementou a súa débeda en 4800 millóns de euros.

O candidato nacionalista non esqueceu as últimas reformas aprobadas polo goberno español que poñen en perigo o sistema financeiro galego. O decreto de reestruturación supón a liquidación do sistema financeiro galego ao contemplar a posibilidade de suprimir aquelas entidades que non cumpran coas exixencias requiridas, afondando deste xeito no proceso de concentración de capital en poucas mans.

Así mesmo, Francisco Jorquera lembrou que desde a chegada do PP á Xunta de Galiza a taxa de desemprego aumentou exponencialmente e “xa supera o 20 por cento”, isto é, “medra por riba da media do estado”, asegurou o nacionalista.

Un dique contra os recortes e as políticas neoliberais
“A única forza galega con alternativas para plantar cara aos recortes e garantir un cambio real nas políticas a partir do 21 O é o BNG", así de rotundo foi o candidato á presidencia da Xunta, quen asegurou que apoiar a Feijóo nas vindeiras eleccións nacionais supón unha lexitimación dos recortes de Rajoy.

Jorquera alertou das pretensións que posúe o goberno español e que poñen en risco o futuro das pensións. Para o nacionalista o uso anunciado do fondo de reservas da Seguridade Social fai perigar o sistema público de pensións”, mais sinalou que as eleccións galegas eran unha oportunidade para frear estas políticas e garantir “o futuro das próximas xeracións”.

Comentarios