Jorquera asegura que o 21-O é a oportunidade para un cambio real

Nun encontro con xornalistas en Ourense, o candidato á Xunta de Galiza polo BNG, Francisco Jorquera, asegurou que a negativa de Núñez Feijóo a debater a tres bandas era por temor a que o BNG "lle saque as cores".
photo_camera Francisco Jorquera e Isabel Pérez

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, volveu repetir esta quinta, que o adianto electoral se debía ao ditame de Rajoy e que o apoio a Núñez Feijóo o vindeiro 21 de outubro, "é dicir si ás políticas de Rajoy". No transcurso do almorzo informativo con diversos medios de comunicación, o nacionalista amosou a súa preocupación polas consecuencias que carrexaría para Galiza un outro rescate, especialmente a respecto de novos recortes nos servizos públicos.

Neste sentido, o candidato do BNG lembrou que o goberno de Mariano Rajoy xa fixo uso dos fondos procedentes das mutuas para pagar as pensións e asegurou que as políticas desenvolvidas polo goberno español "poñen en risco a sustentabilidade do sistema público de pensións", algo especialmente preocupante no noso país, cuxas pensións son as máis baixas do estado.

Preguntado pol@s xornalistas sobre a oposición de Alberto Núñez Feijóo a debater conxuntamente coas demais forzas políticas, Jorquera aseverou que "ten medo a que o BNG lle saque as cores" poñendo riba da mesa a súa mala xestión durante estes anos de lexislatura, en que só trouxo "máis desemprego, máis recortes e o deterioro dos servizos públicos". Neste sentido, Jorquera manifestou que o 21O Galiza debe apostar polo cambio real que representa a fronte nacionalista en troca "dunha simple alternancia de goberno".

Comentarios