Rajoy resta 400 millóns a Galiza nuns Orzamentos ''á medida dos mercados''

''Son fraudulentos, traerán máis paro e maior recesión económica'', valorou Francisco Jorquera, candidato á Xunta, a respecto dunhas contas botadas en Madrid que obrigan os territorios a reducir o déficit nun 50% namentres o Executivo central só terá que facelo nun 15%. O nacionalista insiste: Rajoy meteralle a tesoura ás pensións. Galiza ten xa as máis baixas do estado
Entrega Orzamentos xerais do estado no Congreso
photo_camera Entrega Orzamentos xerais do estado en formato código QR no Congreso

O Goberno español mete as tesoiras tamén nos PGE --orzamentos xerais do Estado-- de 2013 e deixa Galiza con 400 millóns menos respecto do investimento que o noso país recibiu no ano anterior. Desta volta ingresará 1.309,08 millóns. "Son os orzamentos da resignación. Centralistas. Fraudulentos. Traerán máis paro e maior recensión económica", enfatizou Francisco Jorquera respecto das contas presentadas polo PP en Madrid, que obrigan os territorios a reducir o déficit nun 50% namentres o Executivo central só terá que facelo nun 15%.

O recorte en política social ascende ao 14,4%. O Goberno español presentou como un logro as partidas destinadas a Servizos sociais e Promoción social, falando dun incremento do 34,4% --2.900 millóns de euros en total--. O que non contou foi que dese total até 1.034 millóns irán destinados a tapar buracos de exercicios anteriores, polo que, na práctica, as políticas sociais sofren un recorte do 14,4%.

Tamén recortan na loita contra a violencia machista. Dentro deste bloque cabe destacar que o orzamento destinado ao traballo con persoas inmigrantes, en prol da súa integración e apoio económico para aquelas que solicitan asilo ou protección temporal caen case un 7%. Tamén perden finanzamento as partidas destinadas a equidade de xénero --25% menos-- e prevención integral da violencia machista --outro 7% menos--.

Menos investimento en prestacións por desemprego. O Goberno español destinará case 27 millóns de euros ao pago de prestacións por desemprego en 2013, case o 6,5% menos que a partida asignada nos orzamentos do ano anterior. Non se contempla a prórroga da axuda de 400 euros para parados que esgotasen todas as súas prestacións a partir do vindeiro 15 de febreiro.

O ministerio de Educación perde un 17,4% do orzamento, quedando en 326 millóns. As contas presentadas por Montoro contemplan un investimento neste dereito fundamental de 1.944,73 millóns de euros, o que supón unha caída no orzamento do 14,5%. Aínda así, non dubidou o ministro de Facenda en presumir do reforzo ás bolsas para o estudantado, se ben o gasto total nestas axudas respecto do ano anterior será dun 3,8% menos.

Desglosando os recortes por áreas, o descenso en Agricultura é do 25%, en Industria do 21,3%, en Fomento do 20%, en Educación do 17% e en Sanidade do 13%. Porén, a Casa real española perde unicamente o 4% do orzamento asignado en 2012
 

Unhas contas feitas ''á medida de Bruxelas'': Rajoy encetará as pensións
Na súa valoración, o candidato do BNG á Xunta considerou que haberá "novos e drásticos" recortes após as eleccións no noso país e en Euskadi, cuxa cita coas urnas cadra o 21 de outubro. E a nova navallada "será especialmente lesiva" coa poboación máis desfavorecida. Jorquera colocou @s pensionistas como exemplo pois Galiza conta coas prestacións máis baixas do Estado e os recortes nos servizos sociais básicos están a se cebar xa con el@s de maneira especial. Lembramos a contrarreforma sanitaria que agocha o RD 16/2012 lles fai pagar polos medicamentos.

Para alén do anterior, o Plan orzamentario 2012-2013, "unhas contas feitas á medida de Bruxelas e dos mercados" --en palabras de Jorquera-- prevé máis unha vaga de recortes nos servizos públicos que suporán un valor superior aos 100 mil millóns de euros que, tal e como adiantou a formación frontista, atacarán outra vez dereitos como sanidade e a educación, para alén de supor un incremento dos impostos e unha redución das pensións.

Na liña, Jorquera Caselas fixo mención este sábado á última comparecencia pública do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, quen optou polo silencio como resposta ao lle preguntaren se revalorizará as pensións en función da suba do IPC. Segundo apuntou o candidato nacionalista, "o silencio é a mostra de que se preparan novos recortes". 

Pachi Vázquez cadra con Jorquera: estas contas traerán ''máis paro e máis recesión''
Tamén o PSOE valorou de xeito negativo os Orzamentos que vén de presentar Montoro. Así, o secretario xeral do partido na Galiza e candidato á Xunta, Pachi Vázquez, afirmou que as contas "só teñen un camiño: o de Grecia e Portugal". Cadrou con Jorquera ao vaticinar "máis paro e máis recesión", e apuntou a que sectores produtivos como o agrogandeiro fican no esquecemento, polo que anunciou o voto en contra que a súa formación política emitirá no Congreso. 

Comentarios