NA XUNTA DE VOCEIROS NO PARLAMENTO

Jorquera abriu a porta a un acordo entre BNG, PSdeG e En Marea nas vindeiras eleccións á Xunta

No vindeiro pleno parlamentario estará presente unha proposición non de lei para a apertura dunha comisión que depure responsabilidades polo sucedido no accidente ferroviario de Angrois. Co coñecemento de que Leiceaga será o candidato socialista, Jorquera abriu a porta a un acordo post-eleitoral que desbanque o Partido Popular do goberno.

Franciico Jorquera comparecendo no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Francisco Jorquera. Foto: Irene Pin

A xunta de voceiros, na que se anuncian as preguntas e proposicións dos grupos parlamentarios, estivo protagonizada polo anuncio previo de Méndez Romeu de deixar o seu posto como voceiro do PSdeG. No seu lugar foi a viceportavoz, Carmen Gallego, quen defendeu a postura que seguirá o partido no vindeiro pleno, no cal xa haberá substituto para Romeu, posto do que Gallego se descarta.

Desta xunta extráense diversos temas destacados: a concordancia entre BNG e AGE á hora de demandar a apertura dunha comisión de investigación que depure responsabilidades penais e políticas polo accidente de Angrois. Esta petición chega ao fío do anuncio da Audiencia Provincial da Coruña de que se reabrirá a instrución do proceso xudicial. Do mesmo xeito, ambas formacións políticas concordan en pedir que se fagan públicos todos os informes que se manteñen ocultos. Hai tamén unha preocupación partillada sobre a reducción de camas hospitalarias nos meses estivais, debida á falta de cobertura das vacacións dos profesionais, desbotando "un período que debera ser aproveitado para reducir os retrasos nas listas de espera", segundo argumentou Eva Solla.

Jorquera: "Na vindeira lexislatura haberá un cambio de goberno de haber un acordo entre tres partes: o BNG, PSdeG e En Marea"

Jorquera, pola súa parte, presentou unha proposición de lei para que as empresas galegas tributen directamente na facenda autonómica, ao fío da noticia de que a corporación galega, "R", fará o propio nas súas actividades en Euskadi. Ademais, deixou a porta aberta a un acordo post-eleitoral co PSdeG, despois da vitoria en primarias de Leiceaga, e con En Marea "de constituírense finalmente como formación de cara ás eleccións", afirmou Jorquera. "Na vindeira lexislatura haberá un cambio de goberno de haber un acordo entre tres partes: o BNG, o PSdeG e En Marea", afirmou.

Pedro Puy: "Non cremos que a cámara deba actuar a golpe de decisións xudiciais"

A posición dos populares, ante a apertura da comisión que investigue o acaecido en Angrois, é negativa. Pedro Puy afirmou que: "Respectamos a actuación xudicial e non cremos que a cámara deba actuar a golpes das súas decisións", así como non viu razoable abrir "un proceso que non daría tempo a rematar". Como resposta ás peticións de comparecencia de Feijóo após da reunión co presidente cubano, Raúl Castro, o Partido Popular formularalle unha pregunta ao Presidente da Xunta para que faga balance da mesma no vindeiro pleno.

Outro dos temas candentes, que fican no aire, é a petición do traspaso de titularidade da AP-9 á Xunta de Galiza, aprobada por unanimidade no parlamento galego e freada pola ministra de fomento, Ana Pastor. Os grupos parlamentarios criticaron, en conxunto, a dualidade do Partido Popular que apoiou dende Galiza esta proposta coa certeza de que non sería aceptada dende o goberno central. Ademais, o xeito de refusala tamén foi polémico xa que Pastor aludiu á internacionalidade da autopista, cando a AP-9 desemboca nunha autovía galega na localidade de Tui e non une directamente Galiza e Portugal. Ante as acusacións, os populares defendéronse alegando que Ana Pastor se mostra aberta á negociación.

Comentarios