Jorquera chama "brigada político social" aos servizos policiais que investigan o BNG

O portavoz do BNG inquiriu ao presidente da Xunta a respeito da "manipulación informativa" que, afirmou, o goberno da Xunta practica nos medios de comunicación públicos. Jorquera chamou "brigada político social" aos servizos policiais e de intelixencia que, segundo o diario El Mundo, están a investigar o BNG.

Jorquera e Feijóo
photo_camera Jorquera e Feijóo

"Galiza está vivindo unha crise sen precedentes e vostede e o PP só saben cambiar a realidade por propaganda". Así de contundente foi o voceiro parlamentar do Bloque Nacionalista Galego na súa interpelación ao presidente da Xunta. 

"A manipulación informativa non a denuncia o BNG senón o 60% do plantel de traballador@s da CRTVG. Se non coñece o manifesto, ensínollo"

A que é a última sesión de control ao Goberno deste periodo de sesións centrou o debate arredor da "manipulación" e "ocultación" informativa que a Xunta practica nas canles da radio e televisión pública. As denuncias formuladas pol@s traballador@s da CRTVG --a través do blogue Eu non manipulo e do manifesto presentado na Cámara-- chegaron ao Pleno do Hórreo a través do grupo do BNG. 

Francisco Jorquera inquiriu a Alberto Núñez Feijóo a respeito da non emisión dos plenos e comparecencias en que o presidente tivo que afrontar "os riscos do vivo e do directo", brincou o nacionalista. Jorquera referiuse desta maneira ao escándalo de Marcial Dorado, a estafa das preferentes e ou os testemuños dos ex-directivos das caixas en comisión parlamentar. 

Para o portavoz do Bloque, Feijóo "oculta os debates no Parlamento" porque "a manipulación fai parte do seu ADN e do seu partido", como demostrarían as denuncian formuladas "polo 60% do plantel de traballadores e traballadoras" da CRTVG, lembroulle o nacionalista. "Xa se encargan despois os seus comisarios políticos", espetou Jorquera de "convertelo nun revival do NO-DO". 

Jorquera tildou de "brigada político-social" os servizos de intelixencia españois que di, procuran "criminalizar as organizacións democráticas e os movementos sociais" que están dando "a loita na rúa"

Embora o presidente da Xunta de Galiza eludise --máis unha vez-- responder as acusacións lanzadas polo voceiro do Bloque, Francisco Jorquera aproveitou a súa intervención para denunciar "a vella estratexia totalitaria" que, ao seu entender, está a seguir o Partido Popular. Francisco Jorquera criticou con dureza as investigacións policiais ás que está a ser sometido o BNG --segundo a información publicada esta terza feira (25 de xuño) polo diario español El Mundo

"A brigada político social" franquista. Así se referiu o nacionalista aos servizos policiais e de intelixencia españois que se dedican a "elaborar informes de organizacións democráticas" e a "coser a multas a quen loita na rúa" á fin de "criminalizar as forzas políticas democráticas e os movementos sociais" vencellándoas "co terrorismo", afirmou Francisco Jorquera en relación á actitude do delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez. 

"A súa", recriminou Jorquera "é a vella estratexia totalitaria de crear inimigos para recurtar liberdades".

Comentarios